Goberno de Mondariz presenta a súa dimisión

Argumentando o "bloque absoluto" por parte da oposición PP, PSOE e BNG

Mondariz | O goberno de Mondariz liderado por AporM presentou hoxe a súa dimisión ante o bloqueo absoluto dos tres grupos municipais da oposición (PP, BNG e PSOE) que dende o inicio da lexislatura permanecen unidos para paralizar calquera avance, investimento ou mellora para a cidadanía.

O alcalde, Xoán Carlos Montes, traslada á cidadania que os cinco edís de AporM sacrificarán toda a dedicación destes anos e renuncian aos seus cargos no goberno para pasar a ser concelleiras/os da oposición e permitir que un novo goberno de alianza dos tres grupos dea luz verde ás necesidades das veciñas e veciños.

“Se o problema é AporM apartámonos pero seguiremos dende a oposición loitando por un futuro mellor para as veciñas e veciños. Queda claro que non están facendo un exercizo político tan só persoal e que o seu empeño en destruír a figura do alcalde é maior que a responsabilidade que teñen coa cidadania”, explica o alcalde.

Engade o goberno de Mondariz que dende o inicio os tres grupos da oposición se transformaron na práctica nuns o grupo aliado para presentar enmendas e todo tipo de impedimentos negándose en bloque a calquera tipo de negociación.

“A irresponsabilidade é tan grande que nin sequera renunciando nós a todas as nosas propostas queren sentar a negociar. A intervención do Estado é inmediata e afogarán a economia do Concello e a das veciñas e veciños”.

Por último Montes Bugarín advirte que “isto non é un xogo de estratexia, isto é política local é a xestión dos servizos públicos, da mellora do día a día de cada un dos catro mil habitantes que temos. Non é unha actitude seria. Se coa nosa retirada conseguimos que o novo goberno dos tres grupos siga unido como ata agora, non imos ser nos quen poña paus nas rodas. Nos estamos aqui con vocación de servizo non para alimentar egos”. Os cinco edís manifestan que “coa nosa retirada agardamos que sigan tan unidos como ata agora e sexan capaces de aprobar uns orzamentos e un plan de axuste que salve a Mondariz da parálise antes do 30 de setembro. Agora a secretaría municipal convocará un pleno extraordinario do que sairá o novo grupo de goberno que terá ata finais de setembro para aprobar uns orzamentos e un plan de axuste que salven a Mondariz da parálise.