O Porriño | O alcalde Alejandro Lorenzo e o concelleiro, Bienvenido Estévez, responsable de Parroquias no goberno municipal reuníronse con integrantes da nova “Asociación de Veciños e Veciñas das parroquias e polígonos de Torneiros” para coñecer de primeira man as demandas máis urxentes da veciñanza.
Este encontro é o primeiro dunha ronda de visitas e reunións coas diferentes asociacións de veciños de todas as parroquias do concello que vai manter o goberno municipal nos vindeiros días.
Trátase de “coñecer de xeito directo a través de todas as asociacións veciñais ás demandas e necesidades de cada parroquia. Teñen que ser escoitadas e atendidas. É unha das miñas prioridades absolutas e por iso nos volcaremos en cada unha delas facendo un plan especial de actuacións de mellora”, segundo explicou o alcalde Alejandro Lorenzo.
No que atinxe ás demandas planteadas polos representantes da nova AAVV de Torneiros solicitaron a recuperación do Centro Cultural Alba; a rehabilitación de diversas infraestruturas da parroquia como parques, xardíns, rúas e beirarrúa e unha mellora do alumeado público.
Tamén demandaron maior limpeza e mantemento da rede de pluviais e dos contedores de lixo. En materia de seguridade cidadá piden presenza policial as 24 horas do día pola elevada poboación da parroquia.
çEn cuestión de tráfico, demandan mellorar a sinalización citando os casos da pista do parque Alba e a posibilidade de converter en zona amarela para aparcamento de autobuses escolares a marxe dereita da estrada PO-2401, dende as instalacións de “Aimen” ata o IES “Ribeira do Louro”.