Goberno e BNG chocan polo contrato do SAF para Ponteareas

Mentres o goberno municipal informa dun incremento do 50% en usuarios, os nacionalistas denuncian vulneración de dereitos laborais

Ponteareas | O pleno do Concello de Ponteareas ratifica o seu compromiso co coidado das persoas maiores e dependentes e aproba o maior orzamento para o servizo de atención no fogar do Concello e rematar coa listaxe de espera das persoas con grao III.

O que será a contratación máis importante dos vindeiros anos, 6.544.800 euros, permitirá incrementar nun 50% as novas persoas usuarias dando así cobertura como mínimo a todas as persoas con dependencia recoñecida de grao III e cubrindo a maioría das persoas recoñecidas con grao II.

O contrato do servizo de atención no fogar (SAF) incrementará nun 63% as horas de atención, pasando das 55.200 horas a 90.000 horas, 34.800 horas máis. O novo contrato do SAF será a tres anos dando así estabilidade de coidados ás persoas beneficiarias e tamén ao persoal contratado que pasará de 17 traballadoras a 50 a xornada completa e pasando dunha traballadora social a dúas.

“O contrato a tres anos permite dar estabilidade ao servizo non só ás persoas que reciben os coidados tamén ás traballadoras e traballadores. O noso compromiso tamén está con elas e o importe do contrato permite que a empresa concesionaria garanta o pago do salario por convenio ou incluso o mellore. Unha das nosas prioridades é atender ás persoas que máis o precisan e nesa liña traballamos e así conseguimos o primeiro obradoiro de emprego xuvenil, un plan específico para a integración laboral de persoas de etnia xitana, un programa integrado de emprego e agora un novo obradoiro de emprego cando aínda non rematamos o anterior”, explica a alcaldesa Nava Castro que adianta que seguirán traballando para rematar tamén coa listaxe de espera das persoas dependentes de grao II. “Adicar esforzos e orzamentos ao coidado das persoas é fundamental porque ademais de dar solución a necesidades presentes contribúe a previr futuros empeoramentos”.

O novo contrato do SAF inclúe a posibilidade de incremento das horas de atención prestadas dun 20%, 18.000 horas máis, chegando ata as 108.000 horas. “Consideramos que será unha mellora importante para a sociedade chegando a máis persoas usuarias que non teñen outra alternativa para os coidados e que non se poden permitir contratar pola súa conta unha asistencia persoal para o seu día a día”.

BNG: “o contrato atenta contra os dereitos das traballadoras”
O Pleno de Ponteareas aprobou este luns, unicamente cos votos do PP e ACIP, o prego de condicións da nova licitación do contrato do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) cun prezo inferior ao de mercado.

O BNG, que a través da concelleira Cristina Fernández expresou con rotundidade a negativa a este prego, sinalou que nel “non se garanten os dereitos laborais das traballadoras. O que pretende o goberno de Castro é facer un calculo axustado do prezo para facer propaganda de que reducen a lista de espera, aínda que isto sexa a costa das condicións de traballo das empregadas do servizo”.

Neste sentido, o Bloque destacou que “co prego aprobado, eliminan o resultado da reivindicación das traballadoras nos últimos anos para mellorar o pagamento do complemento da fin de semana, así como o do transporte das traballadoras, que supón apenas 40 euros brutos mensuais”. Tal como manifestou a representante das traballadoras no propio pleno, “a intención do goberno liderado polo PP é que non se pague e volver ter conflito co cadro de persoal”.

Así mesmo, tamén se indicou que “os pregos establecen obrigas que non permite a normativa laboral, como que haxa unha coordinadora coa obriga de estar localizable de xeito inmediato as 24 horas os 365 días do ano de xeito gratuíto, xa que non se prevé o pago do complemento de dispoñibilidade”.

O BNG lamentou a actitude do concelleiro de Facenda, Francisco Jesús, “manipulando datos e burlándose coas súas mentiras das traballadoras presentes na sala, buscando atacar á oposición en vez de resolver as peticións do cadro de persoal que solicitou a retirada do asunto da orde do día para recoller as súas demandas”. “É lamentable o abandono de funcións por parte da concelleira de Benestar, Raquel Plana, que ante o contrato máis importante da súa área non dixo nin unha palabra nin sequera informou previamente ás traballadoras das condicións propostas no novo prego, demostrando unha vez máis a súa incapacidade para xestionar un servizo do que dependen tantas persoas no noso municipio”, censurou tamén o Bloque.

Por último, o BNG quixo agradecer a loita das traballadoras presentes no salón de plenos, así como ás que non podían estar porque estaban prestando nese momento os servizo ás persoas usuarias. “Déronnos unha lección de dignidade a toda a Corporación Municipal”, destacou a concelleira do BNG, Cristina Fernández.

“Co seu esforzo físico e mental, cunhas condicións cada vez máis precarias, as traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar soportan o benestar das persoas dependentes que precisan este servizo. Non imos permitir que o goberno da dereita ponteareá hipoteque o futuro laboral do cadro de persoal coa aprobación dun prego que se basea na explotación das traballadoras durante os vindeiros tres anos. Dende o BNG, como alternativa de goberno en Ponteareas, seguiremos traballando até lograr que se garantan unhas condicións dignas para o cadro de persoal e para as persoas usuarias deste servizo”.