A dirección caballerista no PSdeG impuxo nas eleccións nacionais galegas de 2020 unhas candidaturas practicamente excluíntes a respecto do sector liderado por Valentín González Formoso, que sobranceaba nas circunscricións electorais da Coruña e Lugo e despois gañou as primarias orgánicas, converténdose no secretario xeral do PSdeG. A exclusión da metade do partido deu, xunto con outros factores, nos peores resultados dos socialistas galegos dende os acadados polo seu tío Abel Caballero –hoxendía alcalde de Vigo– dende 1997.
Mais o trunfo do pontés González Formoso nas primarias orgánicas e, xa que logo, a fonda remuda na dirección do PSdeG non xerou unha remuda na gobernanza, que se limitou, en termos xerais, a substituir o dominio dun sector polo dominio do outro, reproducindo as prácticas de exclusión de case a metade do partido aplicadas por Gonzalo Caballero no seu mandato.
A situación actual do PSdeG é tan cativa que mesmo pode proxectar dúbidas a respecto de que sexa quen a sumar abondo co BNG de Ana Pontón para substituir ao PP na Xunta nas vindeiras galegas. Un BNG en progresión que liderará a alternativa dual ao PPdeG, mais que precisa da achega duns mínimos que só pode achegar o PSdeG.
“A situación actual do PSdeG é tan cativa que mesmo pode proxectar dúbidas a respecto de que sexa quen a sumar abondo co BNG de Ana Pontón para substituir ao PP na Xunta”
E velaí a oportunidade da volta de Gómez Besteiro, que asumiu este luns o cargo de delegado do Goberno do Estado na Galicia. Un cargo que lle vai dar proxección pública abonda para acadar vantaxe sobre calquera outra persoa como candidato á Presidencia da Xunta nas vindeiras eleccións, malia que tamén lle poida xerar certo dano colateral pola defensa dalgunhas liñas inconvenientes da acción do Goberno do Estado, como a “barra libre” da promoción eólica imposta para os proxectos de máis de 50Mw dende a fin de 2022.
Polo seu xorne cordial e dialogante e pola súa experiencia política e, malia se ubicar naturalmente no sector hoxendía maioritario do PSdeG, Gómez Besteiro pode acadar certa integración interna. Mais quizais a súa principal achega sexa a súa tendencia a construir e aos consensos. Imaxinan vostedes a Gonzalo Caballero ou a Valentín González Formoso como vicepresidentes da Xunta con Ana Pontón de presidenta? Semella moi difícil facelo.
Agora imaxinen vostedes a Gómez Besteiro no mesmo cargo coa mesma presidenta. Semella moito máis factíbel e mesmo abondo probábel, non sí?