Santiago de Compostela/Galicia en común | “É intolerable que o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, diga que non aplicará unha lei orgánica como a Lei Celáa aprobada con ampla maioría no Congreso dos Deputados”. Con esta contundencia respostaba o deputado de Unidas Podemos e portavoz de Galicia en Común, Antón Gómez Reino, as declaracións públicas do mandatario galego nas que anunciaba a súa insumisión a unha lei aprobada a semana pasada co respaldo maioritario de sete formacións políticas da Cámara ao afirmar que “aplicaría o mínimo” a Lei Celáa.
“Desde Unidas Podemos-En Comú Podem-Galicia en Común entendemos que é unha magnífica nova a aprobación dunha novo texto normativo que nos achega os niveis europeos, onde o 80% do alumnando asiste a centros públicos, e que da carpetazo a Lei Wert, un modelo ancorado no século pasado”, manifestou Gómez Reino, en rolda de prensa desde o Congreso antes do inicio da Comisión orzamentaria. “Agardamos que o manifestado por Feijóo sexa unha declaración provocadora porque non se entende que un presidente autonómico se negue a aplicar unha lei orgánica aprobada con ampla maioría por esta Cámara”, reiterou.
“Fomentamos a protección das outras linguas cooficiais dun Estado diverso, rico e plural tamén nos idiomas”
“É triste a estratexia ruidosa e populista que está a adoptar a dereita extrema e a extrema dereita en manifestacións baseadas en bulos nas que se pasean en autos de gran cilindrada”, lamentou o deputado galego. “O castelán, como é obvio nunha lingua con 550 millóns de falantes en todo o mundo, non está en perigo. Fomentamos a protección das outras linguas cooficiais dun Estado diverso, rico e plural tamén nos idiomas”, sinalou.
O deputado coruñés tamén se refería hoxe a última ocorrencia da familia Franco de apelar a vulneración da súa intimidade para tratar de dilatar a entrega do Pazo de Meirás en Sada (A Coruña) que unha xuíza ten fixada para o vindeiro 10 de decembro. “Os Franco teñen que entender dunha vez que a súa impunidade rematou e que toca pór fin ao espolio en Meirás pero tamén na Casa Cornide; traballamos para que pronto siga o camiño do Pazo e retorne ao pobo galego como o resto dos bens dos que se apropiaron”.
Doutra banda, Gómez Reino tamén se refería hoxe a unha iniciativa aprobada onte na Comisión de Asuntos Exteriores da que é vicepresidente para avanzar no esclarecemento do que semella foi a execución en Filipinas do coruñés Diego Bello. “Tal e como fixemos xa hai un mes nesta mesma sala, cando presentamos a iniciativa, queremos amosar o noso agarimo e solidariedade a familia de Diego Bello, e reiterar que desde o noso grupo traballamos para que o Congreso aprobe unha declaración institucional a prol da xustiza e da reparación da memoria deste cidadán español, deste rapaz galego e veciño da Coruña”.
O portavoz de Galicia en Común denunciou a “persecución política” por parte do PPdeG que está a sufrir o xinecólogo Javier Castrillo, profesional da Sanidade Pública galega en Verín que tivo e ten un papel fundamental para revertir o peche do paritorio nun movemento cívico exemplar. “Pasamos do Verín non se pecha á persecución política a este facultativo”.
Por último, á luz das últimas informacións sobre a suposta ocultación de millóns en contas suizas, o deputado de Unidas Podemos reiterou novamente a petición de que se investiguen “as contas escuras” do rei emérito.
“Xa é hora de que regrese e dea contas á Xustiza. Desde UP traballamos para poder monitorizar as contas pasadas e presentes da Casa Real. Xa que temos unha Xefatura do Estado que aínda non puido ser votada polos cidadáns esiximos que poida ser controlada por esta Cámara”, concluíu.