Santiago de Compostela/Unidas Podemos | Pública, gratuíta e galega. Na véspera do debate no Congreso do Proxecto de Lei de Transferencia da Autoestrada do Atlántico (AP9) a Galicia, o deputado galego Antón Gómez Reino, remarcaba hoxe cales son as tres premisas irrenunciables coas que a formación leva anos presentando batalla no Congreso con distintas iniciativas parlamentarias para dar resposta a unha demanda unánime da sociedade galega.
‘É insostible que atravesar o noso país de norte a sur pola AP-9, que é a arteria viaria que vertebra socioeconómicamente Galicia polo corredor Atlántico, de Ferrol a Tui, teña un prezo de 22, 30 euros por traxecto para un turismo”, remarcou.
“Este prezo desmesurado é o resultado de ter entregado unha infraestrutura pública á xestión privada e, despois, ampliar e prorrogar até dúas veces a concesión: primeiro Felipe González até o 2023, e o PP de José María Aznar até o 2048, autorizando a subida das peaxes un do 1% anual ata o fin da concesión.
Os orzamentos xa aprobados polo Goberno de coalición para o 2021 incorporan, por primeira vez na historia, unha partida de preto de 60 millóns de euros para bonificar certos tramos e suprimir outros.
“É un compromiso inédito do Executivo que suporá un certo alivio para os petos de moitas galegas e galegos -sinala o deputado- pero o noso grupo, en Unidas Podemos queremos chegar máis aló dunha solución provisional. Queremos unha solución definitiva que poña fin ao espolio de Audasa e que pasa pola transferencia da infraestrutura a Galicia para que sexa galega, pública e de balde”.
“A previsible aprobación da transferencia da Autoestrada do Atlántico, que pasará das mans do Estado as da Xunta, tras anos de bloqueo do PP, é un primeiro paso, importante, pero un primeiro paso cara o obxectivo final: recuperar a titularidade 100% pública dunha infraestrutura estratéxica para o noso país”, rematou.