Gómez-Reino será o vicepresidente da Delegación Internacional

O voceiro de Galicia en Común será tamén portavoz da Comisión Mixta da Unión Europea


Madrid/Galicia en Común | O Congreso dos Deputados acolleu hoxe a constitución das 12 Comisións Mixtas e das 6 Delegacións Internacionais coas que conta a Cámara. O voceiro de Galicia en Común, Antón Gómez-Reino, foi elixido esta tarde vicepresidente da delegación española que terá representación na asemblea do Consello de Europa e será voceiro tamén da Comisión da Unión Europea.

Deste xeito e tal e como indicou Gómez-Reino, “trátase de dúas comisións que permitirán que Galicia teña proxeción europea e internacional”. Nese sentido no marco da comisión da Unión Europea, o voceiro de Galicia en Común traballará para a mellora das “relacións coa UE nun momento no que resulta fundamental para os intereses galegos, pola situación do sector lácteo e agrícola ou pola xestión das cotas de pesca”. Ademais, como vicepresidente do Consello de Europa trataranse tamén temas de moita relevancia como a defensa dos dereitos humanos, da memoria histórica ou da lingua galega. Nese sentido Gómez-Reino lembrou o informe emitido por este mesmo ente “o pasado mes de decembro que deixaba en mal lugar á Xunta de Galicia en relación ao uso do galego, dando por terceira vez unha advertencia ao goberno galego para que deixe de maltratar a nosa lingua”.

Antón Gómez-Reino xa formou parte nas últimas lexislaturas da Comisión Mixta da Unión Europea e tamén da delegación internacional do Consello de Europa que conta con 12 deputados e deputadas en calidade de titulares e outros 12 suplentes. A asemblea ten unha sesión anual ordinaria en Estrasburgo, dividida en catro partes, cunha semana de duración cada unha.