Vigo/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, advertiu hoxe de que a crise da covid “pon en risco a nosa industria cultural”, de xeito que reclamou á Xunta “un novo compromiso, con programas, proxectos e fondos que acompañen” a este sector.
“Galicia necesita cultura, e os e as socialistas imos ser aliados fiables e leais da industria cultural de Galicia”, remarcou logo de manter unha xuntanza coa directiva da Editorial Galaxia no ano do seu 70 aniversario.
Despois de destacar “a traxectoria e o compromiso coas letras e coa cultura galega” da Editorial Galaxia, o líder do PSdeG evidenciou que o eido público é “o escenario dende onde se debe impulsar que o país non perda cultura, que non perda industria cultural e que non perda emprego no ámbito cultural”.
Neste senso, Gonzalo Caballero sinalou que o plan da Xunta para a reactivación cultural “non tivo nin a capacidade nin a dotación de recursos necesarios para afrontar unha crise da intensidade da actual” e, ademais, incorre na “equivocación” de mesturar cultura e turismo.
Fronte a iso, asegurou que o PSdeG traballará nesta lexislatura pola “reconstrución cultural de Galicia, para que esta pandemia non implique un retroceso da nosa industria e do noso sector cultural”. “A política dos ERTE deu a posibilidade de subsistir a moitas destas industrias ata o momento, pero o Estatuto de autonomía de Galicia implica competencias para o goberno autonómico, e a Xunta ten que facer os deberes”, remachou.
Curso escolar
En paralelo, Gonzalo Caballero aproveitou a súa presenza en Vigo para sinalar que os deberes da Xunta tamén están sen facer no eido educativo.
Proba diso é que aínda hoxe están iniciando o curso milleiros de alumnos que tiñan que estar nas aulas hai unha semana e que se suceden as dimisións de equipos directivos dos centros, sendo o derradeiro caso o do IES Illa de San Simón de Redondela.
“O conselleiro ten que poñerse mans á obra”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, quen puxo en cuestión o plan de semipresencialidade anunciado onte por Feijóo logo de seis meses sen traballar para dar ao alumnado ordenadores e sistemas de conexión a internet.
Ademais, recordou que en Vigo segue habendo nenos sen servizo de comedor porque “a Xunta non traballou coas anpas” para que puideran seguir prestando o servizo “con garantías”.
“Non poden pasar máis días sen que a Xunta resolva este asunto, para que todos os comedores escolares do curso pasado estean funcionando e as familias poidan conciliar”, concluíu.