Ferrol/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, demandou hoxe “un esforzo de mobilización masiva” dende hoxe ata o domingo para evitar “un susto, unha sorpresa” como a que tivo lugar en Andalucía e que haxa “un tripartito da dereita e a ultradereita que poría en risco o estado do benestar”.
“Que ninguén se despiste de aquí ao domingo”, recalcou o líder socialista, quen hoxe visitou Ferrol en compañía da ministra de Defensa, Margarita Robles, xunto co candidato á alcaldía, Ángel Mato, e a secretaria local, Beatriz Sestayo.
Neste escenario, Gonzalo Caballero reivindicou que “este goberno cumpre con Galicia”, como amosa o compromiso para a construción no asteleiro ferrolá de cinco fragatas para a Armada, que traerá como resultado a creación de 7.000 postos de traballo a través dunha inversión de máis de 4.300 millóns de euros.
A ministra de Defensa anuncia a firma da construción das cinco fragatas de Navantia, que suporán 7.000 empregos en Ferrolterra, tralos “retrasos” do goberno do PP
Así é que o máximo dirixente do socialismo galego apelou a dar ao PSOE de Pedro Sánchez “unha maioría ampla e sólida” que permita “gobernar con autonomía, sen dependencias” e seguir tendo “a prioridade social como principal compromiso co país e coa cidadanía”.
“Porque a Galicia vaille ben cando goberna o PSOE”, recalcou Gonzalo Caballero, en referencia a un executivo que en 10 meses “subiu as pensións, o salario mínimo interprofesional e o soldo dos empregados públicos” e que puxo en marcha plans de creación de emprego e de retorno dos nosos emigrados, entre outras medidas.
“REGRESO Á ETAPA DE AZNAR”
Ademais, como sinalou o secretario xeral, Pedro Sánchez amosou onte no debate televisado que é un presidente “no que se pode confiar” e que é a referencia “da esquerda e o progresismo con proxecto de país”.
No lado oposto, evidenciou, hai “unha ameaza para o noso modelo de sociedade”, pois “os pactos entre Casado, Rivera e Abascal son un regreso aos peores anos da democracia, á etapa de Aznar”.
“Ese tripartito supón retroceso, e caos, polos conflitos entre eles para ver quen supón máis retroceso”, concluíu Gonzalo Caballero.
“INVERSIÓN HISTÓRICA”
Finalmente, o líder do PSdeG puxo en valor a “inversión histórica” do Ministerio de Defensa no asteleiro ferrolán de Navantia, con 4.300 millóns de euros que permitirán a creación de 7.000 empregos na comarca.
“O PP deixara as fragatas nun caixón e Feijóo calaba”, reprobou, ao tempo que Margarita Robles anunciou que o contrato anunciado subscribirase hoxe mesmo. “Fronte aos retrasos do anterior goberno, nós cumprimos”, reivindicou.
Nesta liña de destacar “o valor da palabra dada” por ela mesma nunha visita anterior a Ferrol, resaltou que fixo “todo o posible” por “axilizar” os trámites dunha cuestión de moita relevancia para o sector naval galego. “E xa é unha realidade”, apostilou.
Antes, Margarita Robles tivo palabras de apoio e agarimo para os familiares e amigos dos dous mozos galegos que perderon a vida en Sri Lanka a causa dun ataque terrorista, contra o que amosou toda a súa repulsa.
Saúdos, Comunicación PSdeG-PSOE