Santiago de Compostela/PSdeG | O nomeamento de José Miñones como delegado do Goberno en Galicia colleu case por sorpresa a uns e a outros. Miñones, ata hai pouco alcalde de Ames e membro da executiva do PSdeG, substitúe a Javier Losada, quen levou adiante o seu labor desde 2018, ano da moción de censura contra Rajoy.
A Alameda de Compostela foi o lugar onde o secretario xeral do PSdeG quixo mostrar o seu apoio á elección de José Miñones como delegado do Goberno en Galicia. O acto celebrouse o 30 de marzo, unha semana antes de que Miñones tomase posesión do seu cargo o 8 de abril na Delegación do Goberno na Coruña.
Non obstante, o acto de apoio de Caballero a Miñones días atrás en Santiago foi considerado desde fóra do PSdeG como unha maneira de mostrar cohesión interna, pois non son poucas as voces que falan de posibles cambios no partido durante o Congreso do PSdeG que se convocará despois do Congreso Federal do PSOE. Precisamente, José Miñones será o relator galego no cónclave Federal.
Durante o acto de declaracións en Santiago, Caballero louvou o traballo de Javier Losada, a quen cualificou como “un magnífico delegado ao que lle recoñezo o seu traballo” para concluír que “Miñones será un gran sucesor”. Pola súa parte, José Miñones suliñou a “boa relación” entre el e Caballero.
“Caballero louvou o traballo de Javier Losada, a quen cualificou como ‘un magnífico delegado ao que lle recoñezo o seu traballo”
Desde a súa posición, Caballero espuxo que tanto el como o novo delegado “imos traballar con coordinación total entre a Delegación do Goberno e a dirección do PSdeG para defender os intereses das galegas e galegos, como se fixo durante os últimos anos”. Aínda así, foi o propio Caballero quen lle recordou ao Goberno central que “ten moitas tarefas que facer en Galicia”.
Quixo deixalo claro cando enumerou unha serie de puntos como “ as políticas públicas no ámbito social, a axenda de infraestruturas en Galicia ou as necesidades industriais e transición ecolóxica”. Foi por iso que puxo en valor a “cogobernanza” e o “diálogo” entre todas as administracións para “poñer a axenda galega na mesa do Consello de Ministros”.
Fóra dúbidas
As achegas dos comparecentes comezaron coas de Caballero, quen non perdeu a ocasión para alegar que “José Miñones é un bo amigo, compañeiro e membro da Comisión Executiva Nacional Galega, con quen teño unha relación cordial e fluída”. O xefe de filas dos socialistas galegos agradeceu a quen fora o alcalde de Ames o seu “bo traballo na alcaldía e tamén no partido”, destacando a súa “lealdade sempre”.
Consciente da “rumoroloxía” arredor da figura do novo delegado do Goberno, o máximo dirixente dos socialistas galegos quitou importancia aos “rumores típicos deste tipo de procesos”. Subliñou que “os socialistas estamos traballando desde as nosas responsabilidades ante unha crise de grande envergadura”. Por iso, Caballero remarcou que “a cidadanía non entendería” outra prioridade que non sexa defender á xente ante esta situación.
Na súa quenda de palabra, o novo delegado do goberno en Galicia, José Miñones, agradeceu ao líder dos socialistas galegos o apoio mostrado na comparecencia da Alameda compostelá. “Estou na executiva do PSdeG grazas a Gonzalo, que confiou en min”. Dito isto, non dubidou en transmitirlle a Caballerou a súa “lealdade” e comprometer “dedicación” ao novo cargo.
“Tratarei de facelo o mellor posible cos retos que hai sobre a mesa”, destacou, ao tempo que subliñou: “é un momento agridoce” debido ao paso de 11 anos no Concello de Ames, os seis últimos como alcalde a un cargo como é a Delegación do Goberno.