Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG e candidato á reelección Gonzalo Caballero mantivo esta semana xuntanzas coa militancia socialista das vilas pontevedresas de Sanxenxo, A Estrada e Forcarei.
Dende alí, o dirixente socialista comparou as primarias cunha “encrucillada”, na que á militancia do PSdeG correspóndelle decidir que camiño quere seguir ao longo dos vindeiros catro anos.
“Temos que elixir entre un modelo de esquerdas e da militancia e outro máis conservador e das baronías”, evidenciou, e sinalou que “a grandeza das primarias” é precisamente “confrontar modelos de partido distintos”.
“O meu modelo”, subliñou Gonzalo Caballero, “sempre foi situar ao PSdeG na esquerda” e “traballar sen resignación e sen descanso” en defensa do progreso para os galegos e as galegas.
“Non houbo nos meus catro anos como secretario xeral unha causa na que o PSdeG non estivera presente”, reivindicou, para concluír que “nestes catro anos como secretario xeral nunca baixei os brazos na defensa de Galicia”.
“As hemerotecas están aí para ver o que fixo cada un en cada momento”, remarcou Gonzalo Caballero, para incidir en que “o meu modelo nunca foi o de andar de paseo con Feijóo durante unha campaña electoral”.
“Eu teño claro que o PSdeG ten que situarse no lugar que lle corresponde para ofrecer a Galicia unha verdadeira alternativa de esquerdas: ese ten que ser o noso leitmotiv”, resumiu o socialista.
Así as cousas, Gonzalo Caballero avanzou que, cando conclúan os prazos de recollida de avais, proporá a celebración de debates nos que os candidatos poidan expoñer de xeito diferenciado os seus proxectos.