Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, propuxo hoxe un gran pacto de país a prol da mocidade galega, con políticas que favorezan o seu acceso ao emprego de calidade, á vivenda e á educación pública. Este “gran acordo de país”, tal e como explicou o líder socialista, “ten como principal obxectivo darlle un futuro en Galicia aos nosos mozos e mozas”, unha xeración “que xa vivíu dúas crises económicas”.
Gonzalo Caballero chamou a reverter “as políticas fracasadas de Feijoo en materia de mocidade”, que en 12 anos de goberno “abandonou á mocidade galega e non lle deu posibilidades de futuro de vida no noso país”.
“Hai que reverter xa o fracaso estrepitoso das políticas da dereita”, urxiu Caballero, posto que “cada mes que pasa sen que a Xunta faga una nova política para a mocidade é un mes no que se perden posibilidades de gañar o futuro e a ilusión para construír una Galicia mellor”.
“A reactivación ten que ser prioritaria á hora de establecer medidas”
Por iso, o secretario xeral do PSdeG chamou hoxe a priorizar o emprego, a vivenda e a educación, así como as medidas que permitan rematar coa fenda dixital e que defendan o medio natural. Nesta liña, lembrou que “a reactivación ten que ser prioritaria á hora de establecer medidas, e non hai reactivación posible se non contamos coa mocidade e se non lle damos unha oportunidade aos mozos e mozas de traballar, vivir e formarse na Galicia do seculo XXI”.
Ademais, o PSdeG propón este “gran pacto”, precisamente, ás portas da elaboración dos vindeiros orzamentos da Xunta. Gonzalo Caballero agarda que non se volva repetir una situación como a que se deu este ano, na que “o goberno do PP decidiu recortar os fondos de mocidade, o que non podemos consentir porque supón recortar as posibilidades de futuro dos mozos e mozas no país e recortar, en definitiva, o futuro de Galicia”.
Emprego
O emprego é un dos eixes fundamentais da proposta do PSdeG. Gonzalo Caballero apuntou que “é prioritario desenvolver políticas de emprego que dean contratos estables á xente moza”. Nesta liña, lembrou que “Galicia ten enorme dificultade para incorporar ao mercado laboral á mocidade, cunha das taxas de actividade máis baixas de España xa que en Galicia é do 56% mentres en España o é do 64%”.
“O emprego é un dos eixes fundamentais da proposta do PSdeG”
“Hai pouca xente nova e moita dela non se incorpora ao mercado laboral, queda ao marxe da poboación activa”, explicou o líder socialista antes de engadir que, para máis, “cando entra no mercado laboral faino con contratos precarios e de mala calidade”. Isto implica “un círculo vicioso con efectos nefastos para a mocidade ante o cal o PP non dá ningunha solución”.
O líder socialista recordou ademais que o PSdeG presentou na comisión de reactivación un plan de emprego de 10 millóns de euros, que permitiría ter contratado este ano a 3000 mozos e mozas.
“E o PP votou que non”, censurou Caballero, para concluír que “hai que mudar isto, a Xunta debe facer una nova política de emprego xuvenil, debe ser aliada da mocidade e non poñerse de perfil porque non podemos seguir nunha situación na que os mozos e mozas teñen que emigrar ou estar sen traballar en Galicia”.
Vivenda e Educación
En materia de vivenda, o líder socialista incidiu en que “non podemos seguir consentindo unha situación que impide independizarse á nosa mocidade”. E con ese obxectivo instou á Xunta a adoptar políticas que faciliten ao acceso a unha vivenda en propiedade ou en aluguer. Recordou que, en Galicia, só un 18 por cento dos mozos e mozas viven emancipados, o que nos sitúa “a anos luz de Europa”.
“Non podemos seguir consentindo unha situación que impide independizarse á nosa mocidade”
Gonzalo Caballero tamén lle reclamou á Xunta que “aposte pola educación pública digna e accesible que permita desenvolver todo o potencial da mocidade galega”. Remarcou a necesidade de unha aposta clara pola formación universitaria dende o sistema público e polo desenvolvemento dos sistemas de Formación Profesional necesarios “para darlle futuro ao emprego daqueles mozos que optan por esa vía educativa”.
Fenda dixital e ecoloxismo
Por último, o secretario xeral do PSdeG tamén puxo o foco sobre a necesidade de implementar medidas que aposten por aquela mocidade que quere ter una posibilidade de manter a súa vida no rural galego.
Neste obxectivo, dúas son as necesidades apuntadas por Caballero: Por una banda, un compromiso claro para a eliminación da fenda dixital e, en consecuencia, para ter “plenitude de acceso e velocidade na conexión a Internet en calquera parte do país”. Por outra, apoiar o releve xeracional no sector primario cando hai xente moza que quere poñerse á fronte de explotacións, granxas ou empresas.
Tamén salientou Gonzalo Caballero como un compromiso coa mocidade “a defensa da ecoloxía e do dereito da mocidade a un futuro nunha Galicia verde e sostible e respectuosa co medio natural”.
“A defensa da ecoloxía e do dereito da mocidade a un futuro nunha Galicia verde e sostible”
O líder socialista rematou anunciando que “levaremos ao Parlamento galego todas as iniciativas que permitan reverter o fracaso estrepitosos das políticas de Feijoo en materia de mocidade tras 12 anos de goberno”.
Gonzalo Caballero realizou estas declaración no marco dunha xuntanza de traballo con concelleiros e concelleiras socialistas novos, nunha xornada na que se conmemora o Día Internacional da Mocidade.