Ourense/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, desprazouse este mércores ata Ourense para dar a benvida ao editor e escritor Bieito Ledo, que concorrerá como candidato socialista ás vindeiras eleccións municipais na súa vila, Xunqueira de Ambía.
“É un galego de referencia no mundo da cultura”, destacou o máximo referente do PSdeG de quen foi director da Editorial Galaxia, fundador de Ir Indo, creador dos Premios da Crítica de Galicia e fillo adoptivo de Xunqueira.
“Queremos poñer en valor o seu paso adiante, que representa a alianza que os socialistas galegos estamos construíndo coa sociedade civil que non resigna”, valorou Gonzalo Caballero, quen sinalou que “todos os cidadáns progresistas e galeguistas que queiran comprometerse con Galicia teñen no PSdeG a casa común na que poden sentirse cómodos”.
Dito isto, o secretario xeral amosou o seu convencemento de que Bieito Ledo “é o candidato idóneo” para calquera municipio de Galicia, así como “o mellor alcalde” que Xunqueira podería ter.
Bieto Ledo amosa “Moitas ideas e moita ilusión”
Pola súa banda, Bieito Ledo agradeceu o “agarimo” con que o PSdeG lle “abriu as portas” e explicou que a súa decisión de concorrer ás eleccións locais parte da “necesidade de devolver parte do que a vida me deu ao territorio que me viu nacer”. “Teño moitas ideas, moita ilusión e moita enerxía”, destacou.
O ex-director de Galaxia e fundador de Ir Indo será candidato en Xunqueira de Ambía para “devolver parte do que a vida me deu ao territorio que me viu nacer”
E, tras asegurar que chega á política “a aportar”, detallou que Xunqueira perdeu moita poboación nos últimos anos e que presenta un elevado grao de envellecemento. “Hai 131 persoas de menos de 18 anos e 139 maiores de 85”, exemplificou sobre unha vila con “moitas posibilidades”.
En concreto, Bieito Ledo sinalou que Xunqueira conta con dúas augas medicinais, que está atravesada pola Vía da Prata e que está conectada por estrada, a 10 minutos, do polígono industrial de San Cibrao das Viñas.
“Médranos o capital”
Finalmente, o secretario provincial do PSOE en Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, amosou a súa satisfacción por poder presentar “a unha persoa implicada, comprometida e sobresaínte” como Bieito Ledo.
“Hoxe, no PSdeG, médranos o capital”, valorou a incorporación dun home que “deixou pegada por onde pasou”. “Dá un paso que ilusiona a Xunqueira e ao PSOE en toda Galicia”, finalizou Rodríguez Villarino.