Santiago/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, mantivo hoxe en Santiago un encontro con Adrián Barbón, líder dos socialistas asturianos e presidente do Principado, e avanzaron “traballo conxunto” nos moitos problemas comúns das dúas comunidades.
“Despoboamento, envellecemento, dispersión”, citou Gonzalo Caballero, consciente tamén da importancia de que as comunidades no noroeste acheguen esforzos “para traballar polos avances sociais” e tamén polo desenvolvemento das infraestruturas.
Trátase, como dixo o máximo dirixente do PSdeG antes de trasladar os seus “parabéns” ao novo presidente asturiano, con quen estivo na súa toma de posesión, de “acadar un país mellor”.
Pola súa banda, Adrián Barbón agradeceu a recepción do líder dos socialistas galegos e chamou a colaborar para afrontar en conxunto “los muchos problemas comunes” de ambas comunidades autónomas. “Tenemos un importantísimo trabajo que hacer de cara al futuro”, apuntou.
“El reto demográfico, la transición ecológica, la despoblación que nos afecta de manera dramática, la reforma del sistema de financiación…”, enumerou, antes de poñer en valor o feito de “poder trabajar de la mano” por estas cuestións.
Valedora do Pobo
En paralelo, a preguntas dos xornalistas, Gonzalo Caballero criticou que Feijóo teña sido “cómplice do oscurantismo e das irregularidades” na institución do Valedor do Pobo durante máis dun ano, tralas sentenzas que invalidaron a contratación dunha familiar de altos dirixentes do PPdeG.
“Tivemos que facer unha presión continua para conseguir o cese efectivo da valedora”, subliñou o líder dos socialistas galegos, ao tempo que asegurou que o PSdeG “non obstaculizará” a renovación dunha institución pública que necesita “abrir unha etapa de rexeneración” tras esta etapa de “corrupción e ilegalidade”.