Caldas de Reis/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, visitou hoxe o encoro da Baxe, onde ameaza, como cada verán, a aparición da microcistina, e urxiu a Feijóo a abandonar “a publicidade, o marketing e o autobombo” e poñerse a “solucionar” os problemas de Galicia.
O secretario xeral do PSdeG exemplifica na desatención do encoro do río Umia “a incompetencia” de Feijóo “para resolver os problemas medioambientais e do medio rural”
“Non queremos un presidente da Xunta que dedique as 24 horas do día a mirarse ao espello, a decidir se lle quede mellor a cara en Galicia, en Madrid ou na empresa privada”, recalcou o líder dos socialistas galegos, para recordar que Feijóo leva “dez anos gobernando” e “abandonando” a resolución dos asuntos.
Así ocorre co encoro do río Umia, como sinalou Gonzalo Caballero, no que a Xunta “non tomou nin unha soa decisión” encamiñada a poñerlle fin ao problema. “E nin se digna a visitalo”, remarcou, para reclamar “compromiso” coa calidade da auga sen facer recaer os custes e o traballo sobre os concellos.
“Porque a ausencia da Xunta implica que os concellos teñan que poñer solucións para que os veciños teñan auga de calidade”, incidiu o máximo dirixente do PSdeG, acompañado dos alcaldes de Caldas, Juan Manuel Rey, e Vilagarcía, Alberto Varela, e do deputado autonómico Julio Torrado, entre outros cargos do partido.
E, tras facer fincapé en que a desatención do encoro do río Umia “é o exemplo da incompetencia de Feijóo para resolver os problemas medioambientais e do medio rural”, Gonzalo Caballero lamentou que o presidente tampouco tivera en conta o problema demográfico do país nesta última década.
“E agora, cando lle queda un ano á fronte da Xunta, volve á política de marketing e á publicidade enganosa, anunciando unha lei para dar solución a un problema que non arranxou en dez anos”, concluíu o secretario xeral do PSdeG, tras apuntar que hoxe nacen cada ano en Galicia 5.000 nenos menos que cando el chegou.
“A TELENOVELA” DE TODOS OS ANOS
Pola súa banda, o alcalde de Caldas de Reis, Juan Manuel Rey, lamentou que este ano comece antes “a telenovela”, posto que a última alerta por cianobacterias levantouse aínda o pasado mes de novembro.
“Seis meses despois estamos na mesma situación”, denunciou, toda vez que “cando non se inviste” na solución dos problemas, estes “non se resolven por si sos”, senón que “se agravan”.
Nese senso, o rexedor criticou que a Xunta non atendeu “ningunha das demandas” que saíron do concello por parte de “todas as forzas políticas”; ao tempo que lamentou que a Valedora do Pobo decidira “darlle a razón á Xunta cando a natureza non lla dá”.
“Porque a bacteria reprodúcese”, sinalou Juan Manuel Rey, ao tempo que subliñou que este problema no río Umia encarece tanto a depuración da auga coma o servizo de abastecemento que presta o concello.