Santiago de Compostela/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, puxo hoxe ás alcaldías socialistas, “que gobernan ao 55 por cento dos galegos e as galegas”, como exemplo “da mellor e máis eficaz xestión para dar resposta ás necesidades da cidadanía e para impulsar Galicia”.
Este modelo, indica o líder socialista, “sitúanos en condicións de volver conseguir resultados históricos nas vindeiras eleccións do ano 2023 para seguir defendendo aos galegos e ás galegas dende os concellos”.
O líder socialista contrapuxo a xestión socialista co “desprezo” amosado polo Partido Popular ao municipalismo durante os últimos anos. Nesta liña, Gonzalo Caballero cualificou de “paradoxal” que Feijoo organice agora os seus congresos provinciais en clave municipal, cando o seu maior logro neste eido foi “colocar cos seus votos á fronte do concello de Ourense a Jácome, o seu alcalde estrela”, optando así “por unha liña de ineficacia e de esperpento na terceira cidade máis grande de Galicia co único obxectivo impedir que gobernase a lista máis votada, que foi a do Partido Socialista”.
“Feijoo ‘só pode amosar a alcaldía de Jácome’, a evidencia máis clara de que ‘o PP xoga co municipalismo e coa cidadanía”
Gonzalo Caballero sinala que, como secretario xeral das e dos socialistas galegos, “eu podo amosar con orgullo as cinco alcaldías socialistas en sete das grandes cidades galegas”. Porén, Feijoo “só pode amosar a alcaldía de Jácome”, a evidencia máis clara de que “o PP xoga co municipalismo e coa cidadanía”.
Neste contexto, Gonzalo Caballero sinala que “resulta chamativo que o mesmo Feijóo que ao longo de todos estes anos desprezou o municipalismo, que recurtou fondos aos concellos de Galicia e que se negou a acordar con eles as grandes liñas da reactivación, queira poñerlle agora deberes municipais ao PP”.
O secretario xeral do PSdeG incide en que “Feijoo agora quere máis poder municipal, pero son as 113 alcaldías socialistas as que están a amosar a mellor capacidade de xestión á fronte dos concellos para atender as necesidades sociais, o impulso económico, o reto da sustentabilidade e a defensa dunha reactivación que non deixe a ninguén atrás”.
Así, “por moito que se esforce Feijóo”, proclama Gonzalo Caballero, “os e as socialistas volveremos acadar resultados históricos nas municipais do ano 2023, amosando a mellor capacidade de xestión á fronte dos concellos”.
“Os e as socialistas (…) gobernamos en 113 concellos, en cinco das sete grandes cidades e en tres das catro Deputacións”
“Os e as socialistas”, lembra o secretario xeral do PSdeG, “gobernamos en 113 concellos, en cinco das sete grandes cidades e en tres das catro Deputacións amosando un claro compromiso municipalista e a capacidade de dar resposta aos problemas máis inmediatos da cidadanía dende a xestión municipal”. Por iso, “ao igual que xa acadamos resultados históricos no 2019, estamos agora de novo en condiciónsde ampliar os nosos niveis de goberno nas administracións locais nos comicios de 2023”.