A Coruña/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, participou hoxe nun mitin na Coruña en compañía da ministra de Economía, Nadia Calviño, e chamou a “non perder un minuto” e traballar para convencer “a todos os progresistas” de que acudan a votar o vindeiro domingo ao PSOE de Pedro Sánchez.
“Non perdamos un minuto, necesitamos todos os votos dos progresistas. O PSOE é a referencia da esquerda e a mellor forma de defender a Galicia e de vencer ao PP, a Ciudadanos e a Vox”, apelou o líder dos socialistas galegos, consciente de que “non é o mesmo cando goberna o PSOE que cando goberna a dereita”.
E é que, como recalcou Gonzalo Caballero, os socialistas “permitimos o avance en dereitos e liberdades” fronte ao “risco de involución” que implican as tres papeletas da dereita. Por iso, profundou, “pido a mobilización masiva de todos os progresistas para que Pedro Sánchez teña unha maioría ampla e sólida”.
“Con forza e con ganas, cun sorriso e con argumentos para convencer, co orgullo de ter feito o mellor para o país cando gobernamos”, destacou o máximo dirixente do PSdeG, quen advertiu de que “por un voto se decide un goberno” e de que “non podemos levar un susto” como o ocorrido en Andalucía.
Compromiso con Galicia
Ademais, Gonzalo Caballero puxo en valor o compromiso con Galicia do goberno socialista, que exemplificou na inversión de máis de 4.300 millóns de euros para impulsar o sector naval público de Ferrolterra e crear 7.000 empregos.
Ao fío diso, aproveitou para reprobar que Feijóo, tras sete anos “calado” ante os incumprimentos con Galicia do goberno de Mariano Rajoy, agora pretenda introducir dúbidas sobre o compromiso da Xunta co sector naval.
Sobre todo, incidiu o secretario xeral do PSdeG, á vista de que o PP deixou o proxecto de construción das fragatas “nun caixón” porque “as prioridades” do anterior ministro de Defensa “estaban vinculados á súa empresa e non ao servizo público”.
“E agora queren confrontar cun goberno que toma medidas que favorecen ao PP”, recriminou o líder socialista, quen prognosticou “un retroceso do PP de Feijóo” o vindeiro domingo que “vai marcar o seu fin electoral”.
“Moita ilusión”
Tamén na idea do compromiso con Galicia fixo fincapé a ministra de Economía, Nadia Calviño, quen resaltou as principais medidas do goberno de Pedro Sánchez para que “o crecemento económico chegue ás persoas” e para “apoiar aos máis vulnerables”.
“A sostibilidade financeira ten que ir acompañada da sostibilidade social”, defendou a ministra coruñesa, quen asegurou que o executivo socialista “está traballando con moita ilusión” para combater a desigualdade.
“Traballamos polos dependentes, polos desempregados, polos pensionistas…”, reivindicou Nadia Calviño, quen asegurou que “a preocupación polas persoas nótase en todas as medidas que tomamos no goberno”.
Ademais, tal e como apostilou a titular de Economía, todas as medidas están encamiñadas a construír “a España que queremos para o futuro”.
“Tres dereitas”
A encargada de abrir o acto foi Inés Rey, a candidata á alcaldía coruñesa, quen prognosticou que os vindeiros presidentes da Xunta e do Goberno “serán socialistas”, ao igual que Pilar Cancela, número un pola Coruña ao Congreso, deu por feito a súa vitoria nas vindeiras eleccións municipais.
Así mesmo, puxo en valor a xestión feita polo goberno de Pedro Sánchez ao longo destes meses, mentres Pablo Arangüena, número dous da lista á Cámara baixa, recalcou que a única alternativa é a de “tres dereitas que compiten en falta de escrúpulos”, como amosaron os debates televisados.
Finalmente, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, chamou a votar ao PSOE o vindeiro domingo para poder reeditar un goberno de progreso “sen ter que depender de ninguén”.