Santiago de Compostela/PSdeG | O portavoz do Grupo Socialista, Gonzalo Caballero, defendeu hoxe que “os socialistas cumprimos coa axenda de infraestruturas de Galicia”, como proba a ratificación de que a rebaixa das peaxes da AP-9 farase neste semestre e de que as obras do AVE estarán concluídas este mesmo ano.
Así o confirmou esta fin de semana o ministro de Transportes. “O goberno de Pedro Sánchez fixo máis en dous anos polas infraestruturas de Galicia que Mariano Rajoy en sete anos con Ana Pastor recortando o AVE e sen facer nada por rebaixar as peaxes” que o PP prorogou ata 2048, subliñou Gonzalo Caballero.
En concreto, o líder do PSdeG recordou que hai apenas un mes que mantivo unha nova xuntanza en Madrid co ministro de Transportes, José Luis Ábalos; o secretario de Estado de Infraestruturas, Pedro Saura; e o secretario xeral do ramo, Sergio Vásquez, para afondar na posibilidade de bonificar todos os traxectos de volta pola AP-9 e non só os dos viaxeiros habituais.
Agora que se confirmou ese extremo, Gonzalo Caballero destacou o carácter “histórico” das bonificacións desas peaxes, “máis alá do plantexado ao inicio desta lexislatura”, e que van ser posibles grazas aos Orzamentos Xerais do Estado aos que “o PP de Casado e Feijóo e o BNG se opuxeron”. “É hora de que o PP e o BNG recoñezan que erraron”, apostilou.
De feito, Caballero apuntou que Feijóo “xa se viu obrigado a recoñecer que a axenda de infraestruturas do PSOE é moi potente, e máis forte que a do PP e Rajoy”, xa que “van caendo os castelos no aire da dereita sobre o compromiso do goberno socialista con Galicia”.
En concreto, como explicou o responsable do PSdeG, na reunión de Feijóo con Ábalos xa se constatou que non hai “un minuto de retraso” na chegada do AVE a Galicia “derivado da xestión socialista”, así como avanves en cuestións como a conexión ferroviaria Lugo-Ourense, a saída sur por Vigo en tren, a situación portuaria da Coruña e o traspaso da AP-9, así como as bonificacións nas súas peaxes.
A maiores, Gonzalo Caballero emprazou ao BNG a recoñecer o “erro” do seu voto contra os Orzamentos e a convocatoria de manifestacións “fora de lugar, sen crédito nin relevancia”. Cualificou de “anecdótico, case ridículo” que precisamente convoquen as manifestacións agora que o goberno está a dar solucións traballando por reducir as peaxes ata 2048.
Corrupción no PP
En paralelo, o líder dos socialistas galegos urxiu ao presidente da Xunta a dar “explicacións públicas” logo da declaración xurada de Bárcenas, que a semana pasada apuntou a que a última operación pagada polo fondo da caixa b procedía do PP de Pontevedra cando Feijóo xa lideraba o partido.
Caballero chamou a ser “implacables coa corrupción”. “É unha máxima que eu teño claro como líder do PSdeG e como cidadán”, remarcou, antes de apelar á “limpeza, transparencia e rexeneración” da política.
Sinalou que Feijóo “non pode seguir escapando de dar explicacións” logo de que o extesoureiro do seu partido Barcenas declarase que o PP galego na etapa de Feijóo entregou 50.000 euros na trama B que tiveron como destinatarios finais a Rajoy e a Cospedal. E recordou que se trata da mesma caixa b que tamén tivo a súa orixe en Galicia con Pablo Crespo.