Vigo/PSdeG | Gonzalo Caballero presentou hoxe en Vigo o seu proxecto para seguir liderando o PSdeG, un proxecto “gañador” que permita “seguir impulsando ao partido pola esquerda”.
“Gañar dentro, coa forza da militancia, para gañar fóra, coa cidadanía que agarda de nós a mellor alternativa galeguista, feminista, ecoloxista, de esquerdas e cun claro compromiso ético”, proclamou Gonzalo Caballero.
“Polos galegos e galegas, polos vigueses e viguesas, non podemos retroceder. Non podemos renunciar a defender á cidadanía fronte a un PP insensible, que se opón ata ás axudas á vivenda para a mocidade”, enfatizou, consciente da importancia de “traballar pola xente dende unha forza política netamente progresista e galeguista”.
Así pois, nun acto na súa cidade, Gonzalo Caballero presentou “un proxecto positivo e gañador para o futuro de Galicia” e, ademais, “alternativo a Feijóo”, e contrastou a opción que encabeza coa que supón “un regreso ao pasado cómodo para Feijóo”.
Asemade, Gonzalo Caballero fixo alusión ao resultado que tivo o PSdeG nas eleccións autonómicas para resaltar que “con eses datos, hoxe non teríamos un presidente da Xunta do PP, volveríamos ter un presidente socialista na Xunta”.
Nese senso, recordou que o PSdeG liderou en Vigo unha maioría progresista, “conseguindo o mellor resultado socialista en autonómicas” nesta cidade, ao empatar co PP e deixando “ben atrás” ao BNG. En cambio, subliñou, na Coruña houbo un retroceso en votos e escanos para o Partido Socialista.
“Entón, que modelo queremos para o futuro do PSdeG?”, plantexou, antes de subliñar que o proxecto que encabeza “é a garantía para seguir fortalecendo o partido e volver acadar resultados históricos nas municipais e xerais de 2023”.
Por iso, co aval do traballo ben feito, pediu o apoio de toda a militancia socialista de Vigo. “Nestas primarias xogámonos moito”, apostilou, logo de subliñar como “cada día” nesta precampaña de primarias “a militancia está máis mobilizada”.
“A militancia decide, como cando gañou Borrell, Pedro ou eu mesmo hai catro anos”, finalizou, apelando á “rebeldía” dunha militancia que quere construír “o mellor PSdeG para o futuro de Galicia”.