Santiago de Compostela/PSdeG| O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, cuestionou que o PP queira reabrir as comparecencias da comisión de reconstrución do Parlamento a través dunha segunda comparecencia do vicepresidente económico para falar dos proxectos europeos, cando outros comparecentes reclamados non puideron comparecer nin nunha primeira ocasión. “Amosa que a duración dos traballos da comisión pactada por PP e BNG era escasa, como xa dixéramos, e que o PP está desnortado”, recalcou.
Nese sentido, Gonzalo Caballero advertiu ao PP de que “non ten a propiedade da comisión” e requiriu que se teñan en conta tamén as comparecencias pedidas polo Grupo Socialista e que non foron atendidas, como o sindicato Unións Agrarias e distintos expertos nos eidos económico, industrial, de transición ecolóxica, sanitario ou de política social.
“Caballero advertiu ao PP de que ‘non ten a propiedade da comisión’ de reconstrución do Parlamento”
Ademais, habida conta de que o vicepresidente de Economía xa compareceu na citada comisión hai apenas un mes, o líder do PSdeG defendeu que “debería comparecer Feijóo” e “non escudarse” noutros membros do seu goberno. Sobre todo, incidiu, ante a ausencia de estratexia por parte da Xunta no que atinxe aos fondos europeos, toda vez que pasou de anunciar sete proxectos que logo se converteron en 108, e que agora están mudando.
“O vicepresidente de Economía vén á comisión a reformular o seu discurso de hai un mes na mesma comisión?”, inquiriu o tamén voceiro parlamentario socialista, quen detectou falla de “ambición” do goberno galego para afrontar as tarefas da reconstrución de Galicia. “Hai pouca acción económica e moito despiste nos eidos sanitario e social”, sostivo.
Despois de amosar a súa “preocupación” por estas cuestións, máxime cando non se aprecia “rumbo” na Xunta para utilizar os máis de 1.100 millóns de euros que veñen do goberno de España, Gonzalo Caballero recordou que “aínda non hai nin un hostaleiro nin un pequeno comercio que recibira un euro en axudas directas do goberno galego” a pesares de que pasaron nove meses dende a chegada da covid.
“Transparencia”
“A Xunta ten que adoptar medidas para apoiar aos sectores afectados e fortalecer o sistema de rastrexo e a atención primaria, así como poñer en marcha actuacións que permitan que ninguén quede atrás na saída desta crise”, reivindicou o secretario xeral, quen reclamou tamén “transparencia” sobre a situación e as decisións que se toman.
“Vemos que á Xunta cóstalle pasar do escurantismo á transparencia e á cogobernanza”, subliñou Gonzalo Caballero, quen reclamou que as medidas se tomen “a carón dos concellos” e deixando a “confrontación” co goberno de España.
Ao fío disto, recriminou a Feijóo que pasou de reclamar que non se permitisen xuntanzas de máis de seis persoas no Nadal a demandar que fosen dez excluíndo aos nenos, e que logo chegase a alertar sobre o “alto risco” que supoñían estas festas. “Está desorientando á cidadanía nun momento que fai falla claridade”, finalizou o máximo dirixente do PSdeG.