Gondomar/PSdeG | O secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, reclamou hoxe ao presidente da Xunta que siga o camiño do goberno de España e levante a peaxe da autoestrada autonómica AG-57 entre Puxeiros e o Val Miñor. O responsable socialista desprazouse hoxe ata o Val Miñor, onde mantivo unha xuntanza cos alcaldes socialistas de Gondomar, Francisco Ferreira; Baiona, Carlos Gómez; e Nigrán, Juan González.
O líder do PSdeG sinalou que Feijóo “non pode estar de brazos caídos sen facer nada polo Val Miñor” no mesmo ano no que o goberno de España vai destinar 63 millóns de euros para bonificar as peaxes da AP-9. O responsable socialista respaldou esta “demanda histórica dos veciños e veciñas que queren poder desprazarse entre Gondomar, Baiona e Nigrán ata Puxeiros en igualdade de condicións que outras partes de Galicia”.
Ademais, Gonzalo Caballero criticou que “mentres o goberno de España vai bonificar a AP-9 ata 2048”, o PP ten previsto manter o pago polo uso da autoestrada no Val Miñor ata 2045. Reclamoulle á Xunta que “tome medidas, poña fondos e en seis meses leve ao Parlamento un plan de traballo con financiamento para levantar estas peaxes abusivas” e recuperar a comarca do “esquecemento da Xunta, que se olvida e despreza aos veciños que usan a AG-57”.
Visión dos alcaldes
Así o dixo nun encontro cos alcaldes socialistas do Baixo Miño no que participou o rexedor de Baiona, Carlos Gómez, quen reivindicou esta medida para “facerlle a vida máis fácil e cómoda” aos veciños das tres localidades e da forte demanda turística no verán.
O alcalde de Gondomar, Francisco Ferreira, considerou “intolerable” que a comarca teña que asumir “prezos desmesurados mentres pagamos o impacto paisaxístico dunha mole de cemento que fende os concellos á metade”.
Pola súa banda, a alcalde de Nigrán, Juan González, ratificou o “fundamental” desta medida para a vida duns veciños que poden viaxar dende Madrid a Vigo case sen pagar un quilómetro ata que chegan ao Val Miñor.
Avance para a variante de Ponteareas
En paralelo, Gonzalo Caballero rematou poñendo en valor o compromiso do goberno de España coas infraestruturas de Ponteareas e da comarca do Condado.
Así o dixo logo de coñecer hoxe mesmo a posta en marcha da tramitación da circunvalación de Ponteareas para conectar a N-120 coa autovía A-52 cun investimento estimado de sete millóns de euros. Sinalou esta actuación logo de anos nos que o PP “non fixera nada importante” por estas infraestruturas.
Semana Santa
O líder dos socialistas galegos emprazou ao presidente da Xunta a “colaborar co goberno de España, non xerar confusión, olvidarse da estratexia de salvar a Semana Santa e permitir certa actividade pero protexendo a saúde e o nivel de contaxios” pola covid.
Gonzalo Caballero lembrou que a estratexia de “Salvar o Nadal” acuñada por Feijóo “fracasou” e provocou un elevado nivel de contaxios en xaneiro e febreiro, polo que emprazou a non repetir os mesmos erros de cara á próxima festividade da Semana Santa.
Así, chamou á Xunta a que traballe “con lealdade” co goberno de España para “protexer á xente e evitar a cuarta onda da covid”.
Sinalou que “semella axeitado” manter o peche perimetral ata a Semana Santa fronte á “semiestratexia” de “Salvar a Semana Santa”, que pode poñer en cuestión a recuperación na loita contra o virus.