Santiago de Compostela/PSdeG | “Foron catro anos de plena dedicación e intensa actividade nos que logramos que o apoio ao PSdeG crecera en todas as eleccións que houbo no meu período como secretario xeral” rachando “cunha década anterior de retrocesos electorais continuos dende 2009 ata 2019”.
É o resumo do informe de xestión que o secretario xeral saínte, Gonzalo Caballero, presentou para o 14 Congreso do PSdeG e que xa foi remitido á Comisión Organizadora do partido de acordo ás normas da organización.
Ese documento recolle ao longo de 45 páxinas un resumen da participación da dirección do PSdeG e, nomeadamente, do secretario xeral, Gonzalo Caballero, en máis de 2.000 reunións e actos por toda Galicia; e reflicte a suba electoral do PSdeG en todos os comicios entre 2017 e 2021: “rachamos a senda de caídas electorais que houbo dende 2009 e crecemos en nivel de apoio en todas as eleccións mentres Gonzalo Caballero foi secretario xeral”.
En concreto, na primeira convocatoria electoral do mandato que finaliza, nas eleccións xerais de abril de 2019, o PSdeG gañou ao PP por primeira vez na historia en Galicia e experimentou unha subida de dez puntos sobre a cita anterior, pasando de seis a dez deputados e acadando un 32,28% dos votos dos galegos e das galegas. Na repetición destes comicios, en novembro de 2019, o PSdeG mantivo os 10 deputados e obtivo un 31,59% dos apoios.
No mes de maio dese mesmo ano, nas eleccións europeas, o PSdeG obtivo unha nova vitoria, a segunda vez na historia de Galicia, fronte ao PP de Feijóo, cun 35,05% dos votos e 15 puntos máis que nas anteriores europeas.
“Nas municipais de 2019, o PSdeG alcanzou a maior representación no poder municipal galego na nosa historia, sendo a suba do PSdeG de sete puntos sobre a cita anterior”
En paralelo, nas municipais de 2019, o PSdeG alcanzou a maior representación no poder municipal galego na nosa historia, sendo a suba do PSdeG de sete puntos sobre a cita anterior. Cun 32,76% dos votos dos galegos e das galegas (fronte ao 33,35% do PP), o 55% da poboación galega contou cun alcalde ou alcaldesa socialista: en cinco das sete grandes cidades e nun total de 113 concellos e vilas. Ademais, o PSdeG lidera tres das catro deputacións, cogoberna en moitos concellos e aumentou o número total de concelleira/os.
Un ano máis tarde, a chegada da pandemia obrigou a aprazar as eleccións autonómicas, convocadas para abril. En xullo de 2020, nunha campaña en situación de estado de alarma e emerxencia sanitaria, a suba do PSdeG foi do 17.8% das anteriores autonómicas ata o 19,39% dos votos, seguindo como terceira forza no parlamento galego con 14 deputados.
Actividade a pe de país
No que atinxe aos encontros coa sociedade civil, Gonzalo Caballero estivo cos comités de empresa de industrias ameazadas por peches, como Alcoa ou Xeal; cos reitores das universidades públicas galegas; con diferentes colectivos en dificultades (viticultores afectados polo pedrazo, zonas de incendios, negocios con restricións a causa da pandemia…); co persoal dos hospitais públicos galegos afectados polos recortes; con sindicatos de clase e cos sectores produtivos (encontros en adegas, lonxas, granxas…).
Asistiu ademais a múltiples manifestacións, como as do 1º de Maio, as do 8-M, as de defensa da sanidade pública galega ou a da reivindicación da nosa lingua cada 17 de Maio; e visitou numerosas entidades culturais e sociais (Down, Meniños, Fademga…), empresas (Barreras, Galaxia, Egatel, Navantia, Vaca Films, Nodosa, Xanceda, Orballo…), centros tecnolóxicos…
Así mesmo, o traballo do secretario xeral inclúe unha vintena de xuntanzas en Madrid con ministros para abordar os problemas de Galicia, viaxes institucionais a Bruxelas, Arxentina e Portugal (con xuntanzas cos mandatarios destas dúas repúblicas) e encontros cos presidentes de Asturias e Estremadura para abordar os retos e problemas comúns.
A maiores, o PSdeG constituíu o laboratorio de ideas IdeaGaliciaLab, no que se abordaron cuestións como o devalo demográfico, a supervivencia do rural, o apoio á cultura ou o mantemento dos servizos públicos.
Actividade orgánica
Do mesmo xeito, neste tempo celebráronse 37 xuntanzas da executiva do PSdeG, 11 interparlamentarias para coordinar o traballo dos socialistas galegos nas distintas cámaras e outros 11 comités nacionais, que se convocaban trimestralmente ata a chegada da pandemia que “o cambiou todo”.
De feito, Gonzalo Caballero tivo que enfrontar a aparición da covid a piques de arrancar unha campaña electoral, o que mudou non só a data das eleccións por primeira vez en democracia, senón que alterou o xeito de traballar e de comparecer ante os medios de comunicación, e limitou a capacidade de manter encontros tanto coa sociedade como no seo do propio partido. De aí que, co progresivo levantamento das restricións, Gonzalo Caballero acudira ás casas do pobo das distintas cidades para comezar a reactivar a vida orgánica do PSdeG.
Ademais, no período 2017-2021, púxose a funcionar a Escola de Formación Ceferino Díaz, edítase trimestralmente a revista Socialismo Galego (10 números), publícase cada semana un boletín dixital sobre a actividade parlamentaria do PSdeG e hai 12 grupos de traballo constituídos nos que participan máis de 400 militantes socialistas.
Gonzalo Caballero apelou a construír “un gran acordo” no PSdeG co fin de que se manteña o sistema de elección dos membros do Comité Nacional por parte das agrupacións locais e da militancia, como sempre se fixo para o máximo órgano do partido entre congresos. Caballero sinalou como un “retroceso” que os membros do Comité Nacional non sexan elixidos directamente pola militancia de base.
“Gonzalo Caballero apelou a construír ‘un gran acordo’ no PSdeG co fin de que se manteña o sistema de elección dos membros do Comité Nacional por parte das agrupacións locais e da militancia”
“Formoso terá en min o máximo colaborador para que ese cambio non se aplique en Galicia como xa non se fixo comigo como secretario xeral”, sinalou nunha comparecencia en Santiago, chamando así a “un gran acordo” da dirección saínte, a futura, a comisión organizadora do congreso e os órganos provinciais do PSdeG.
Trátase, como dixo, de que “non se debilite o socialismo galego quitándolle voz á militancia de base e ás agrupacións”. E é que a comunicación remitida pola dirección federal do PSOE esta mesma semana establece que dous tercios dos membros do Comité Nacional se elixan no congreso galego e o outro tercio o nomeen os congresos provinciais.
Na práctica, explicou Gonzalo Caballero, supón “que as agrupacións non poidan elixir con democracia e autonomía aos seus representantes no máximo órgano do partido”. “E non é positivo”, remarcou, partidario de “dar voz á militancia” no canto de deixar as decisións en mans das baronías nos congresos.
É por iso que apelou a “buscar fórmulas” con “seriedade, rigor e compromiso galeguista” para manter “un PSdeG forte e pegado ao territorio” nunha comunidade na que hai cerca de trescentas agrupacións. De feito, recordou, “o PSdeG nunca impediu a elección dos membros do Comité Nacional á militancia” e defendeu “non retroceder” nisto, polo que cómpre buscar unha fórmula con Ferraz para evitar ese retroceso.
Congreso para fortalecer o PSdeG
En paralelo, coa vista posta no congreso do PSdeG, Gonzalo Caballero avogou por que sexa o do “fortalecemento, a unidade e a integración”, unha cuestión esta última da que Formoso fixo bandeira durante a campaña de primarias. Por iso, pediulle que “pase das palabras aos feitos” e teña en conta aos 3.000 militantes socialistas que non o apoiaron. Pola súa banda, garantiu “lealdade e traballo” coa nova dirección e “a carón dos intereses dos galegos e das galegas”.
“Eu quero un PSdeG forte, e por iso trasladei a Formoso toda a miña vontade de cooperación”, recordou, consciente de que sería “errar” afondar “nas divisións norte-sur ou baronías-militancia de base”. Ao fío diso, incidiu no chamamento a “non cometer o erro historico” de deixar sen voz ás agrupacións na elección dos órganos do partido.
“O meu legado como secretario xeral é o legado da militancia e o de catro anos de avance en apoio electoral en todas as eleccións despois dunha década de retrocesos”, reivindicou Gonzalo Caballero, logo de sinalar que agora el será “un militante máis” e que o que toca á nova dirección do PSdeG é “facer oposición a Feijóo” para “seguir avanzando”.
Finalmente, a preguntas dos e das xornalistas, Gonzalo Caballero sinalou que a ponencia recolle fragmentos da aprobada hai catro anos, material do grupo parlamentario e tamén textos escritos por el mesmo, así coma outras incorporacións.
Agora, indicou, “mais alá das debilidades da ponencia”, tocará “mellorar o texto entre todos” pero o importante é “acertar e fortalecer as liñas estratéxicas” do PSdeG: “só con campañas propaganda e relatorios non acertaremos”.