Gonzalo Ordóñez Puime, candidato nº 5 de Pontevedra ao Congreso polo Partido Popular
Señor Ordóñez, vostede é, segundo nos ensina Aristóteles, un animal político. Seu pai xa foi alcalde do Porriño, vostede foi concelleiro no Porriño en varias lexislaturas polo PP; abandonou o “claustro paterno” do PP e presentouse como independente cun novo partido. Finalmente tivo problemas intestinos nese partido e presentouse de novo para facilitar que a dereita gobernara no Porriño, apartándose da política e deixándolle o seu lugar ao 1º lugartenente. Agora salta de novo á política pretendendo voar a Madrid. Explíquenos esta nova aventura política.
-Por unha ilusión, sen dúbida. Eu sempre tiven uns principios moi semellantes ao que hoxe representa o PP, pero en certo momento entendín que representaba mellor os intereses dos porriñeses dende unha opción independente que dende a oficial daquel momento. Conseguimos cinco concelleiros (o PP sacou 7) e tratei de conseguir a reunificación, cousa que non foi posible por circunstancias que, evidentemente, están superadas. Logo, noutro escenario diferente colaborei para que esa confluencia se acadase apartándome da política.
Nestes momentos o PP entendeu que eu podía formar parte das listas do Congreso e eu síntome satisfeito, contento e honrado de poder representar a provincia de Pontevedra pero sobre todo esta zona sur de Pontevedra.
-Imaxinemos que estamos diante dun sistema semellante ao británico e vostede é, directamente, o representante da zona sur de Pontevedra; que prioridades poría enriba da mesa do Congreso?
-Eu estaría encantado, e penso que algún día se levará a cabo, de que a representación saíra dun sistema semellante ao inglés; ten o inconveniente da dificultade de sair elixido, pero ten a vantaxe de ter un respaldo importante dos seus votantes e ser máis dinámica e máis intensa a actividade política. Dito isto, como problema desta bisbarra temos, por exemplo, o artellamento da rede viaria para facilitar a mobilidade dos cidadáns dun lugar a outro con facilidade e a prezos razonables. Tamén artellar unha rede de centros sociais para que os concellos non sexan compartimentos estancos, que se relacionen entre eles e compartan unha serie de servizos culturais e sociais importantes. Outra cousa a ter en conta é dotar á bisbarra de mecanismos que permitan aos emprendedores realizar os seus proxectos de maneira clara e permanente. Estou pensando nas zonas vitivinícolas que precisen apoios para a súa comercialización; zonas de producción agrícola seleccionada como poden ser os kiwis, as legumes ou os tomates, que teñan as axudas precisas por parte da Administración. En materia medioambiental temos que potenciar e concienciar aos cidadáns porque é definitivo para un futuro mellor e máis habitable, etc.
-Tal como vostede describe os problemas da bisbarra poderiamos englobalos na Área Metropolitana que se pretende implantar. Será útil ou será un novo aparello político?
-Se a Área Metropolitana se concibe para satisfacer os problemas dos concellos que nela estean comprendidos é valida e pode ser importante e necesaria. Se se fai para representación política, para ocupar e instalar máis políticos nun senso case pexorativo do termo, entón penso que son absolutamente innecesarias.
-Cre vostede que este tipo de entes deberan ser máis profesionais que políticos; deberan primar máis as cuestións técnicas, profesionais en cada área e non depender tanto da cor política de turno?
-Iso é esencial. Estamos ademais nun punto, nesta situación actual, non só da mancomunidade senón do entramado administrativo-político ou político-administrativo. Hoxe deben ser profesionais nas distintas ramas da actividade quen relicen eses traballos se non queremos cargar ás administracións cunha serie de gastos insufribles. A sociedade xa non aguanta máis, e iso estámolo a ver nestes momentos, que á fronte das distintas areas da administración non estean persoas competentes naquelas areas que se lle encomendan. Políticos figuróns sen formación axeitada xa non serven.
-O que vostede propón é cando se compoñen listas de candidatos ás eleccións deben primar a preparación profesional dos candidatos/as e non a maior obediencia ás cúpulas deses mesmos partidos, non?
-Efectivamente. Cada vez máis ten que ser así. A este respecto días pasado dicíanme que algúns dos candidatos e candidatas que leva o PP non eran persoas coñecidas polos cidadáns. Eu respondín que, efectivamente, puidera ser que non foran moi coñecidas a nivel popular pero que estaban moi preparadas profesionalmente, cada unha no seu ámbito. Hoxe quen vaia á política debe ter unha gran preparación cultural e profesional para desempeñar con garantías aquelas parcelas que se lle encomenden. Polo tanto, é máis importante, como ti ben indicas, a preparación das persoas elixidas para poder así desempeñar con solvencia as tarefas que lles vaian encargar no futuro.
-Claro, pero aquí temos un problema coa disciplina do partido e coa obediencia. Pode ser que esas persoas preparadas non sexan “excesivamente” obedientes e disciplinadas. Que facer, logo?
-Nese senso creo que os propios partidos políticos xa están observando as leccións que está dando a propia sociedade. A sociedade xa non admite polítios de palla. Esta selección ou a fan os partidos ou a fará a propia sociedade directamente, que vai ser peor. O PP xa o está a facer; precisamente poñendo nas listas a persoas tremendamente preparadas.
-Falemos do 20-N. Cre que haberá moita máis diferencia da que xa existe entre os tres partidos? Esta mañá unha comentarista política aseguraba que o PP, nalgún lugar do Estado, tería que cuadruplicar os votos se quería restarlle un parlamentario ao PSOE. En Pontevedra pode darse esa situación?
-Creo que en Pontevedra a situación é semellante ao resto de España. As persoas que votaron aos socialistas saben que agora teñen que votar por aquel partido que poida modificar a situación en que nos atopamos todos. Se lle preguntaramos a un mozo se quere que gañe a esquerda ou a dereita diríanos que o que quere é que lle dean traballo; alguén que lle aporte tranquilidade, traballo. Hoxe temos uns problemas sociais, sanitarios, de representación, de prestixio de España realmente abraiantes. O que vai pasar é que a xente elixirá aquel partido que ofrece unha solvencia para resolver eses problemas. Evidentemente non imos votar a quen nos levou ao burato. Moita xente que votou aos socialistas ou ao BNG sabe que nestes momentos a única expectativa de futuro é o Partido Popular. Polo que eu teño moi claro que o PP vai ter moitísimo apoio de persoas que non se senten identificadas coa ideoloxía que o Partido Popular representa pero que van votar a este partido porque entenden que é o único que pode resolver os seus problemas de paro, de peche de negocio, etc. O mes pasado foron 140.000 persoas máis ao paro. España non pode estar na cola de Europa como está. A situación internacional está mal; é unha situación complexa, pero hai países coma Holanda cun 4% de paro; Dinamarca cun 4%, Francia co 9%, Inglaterra un 7% e que nós teñamos o 22%… De cada 10 parados da UE 8 son españois e, dende logo, se alguén traballa con ganas somos os españois.
-Ben, pero vostede sabe que no Estado español a situación é un tanto peculiar. Aquí existen unhas Comunidades Autónomas que teñen bastantes competencias delegadas e que tamén inciden no nivel de emprego que poida existir.En Galicia, por exemplo, cun goberno popular aumentou o paro. Como explica este fenómeno?
-Pois moi fácil, porque Galicia é parte de España e a política laboral vén marcada dende o Goberno Central. O que sí podo observar aquí é que cos poucos recursos dos que dispón o Goberno Galego están artellando políticas concretas. Poño un exemplo. Onte dicía o Presidente do Comité de Empresa de Vulcano, que non creo que sexa moi afín ao PP, que grazas á Xunta non teñen pechado as súas portas; esa é unha realidade. Estamos comprobando como se lle demandan constantemente axudas ao conselleiro Javier Guerra, que anda dun lado para outro axudando á xente e buscándolle posibles saídas ás súas necesidades. O que pasa é que Galicia non ten unha lexislación propia; Galicia non pode incrementar os seus recursos para o sector naval, non ten un embaixador; iso correspóndelle ao Goberno Central.
-Coa situación que vostede nos describiu, cre que Rajoy non vai facer máis recortes nos distintos servizos para saír da situación? Porque Rajoy non ten, que eu saiba, unha variña máxica que lle proporcione diñeiro para paliar tantas necesidades.
-Xa no ano 96, cando entrou Aznar, tanto o PSOE coma o BNG dicían que os populares ían sacar as pensións, sen embargo foi todo o contrario. Aos seis meses de entrar o PP España cumpría todas as esixencias de integración na Comunidade Europea, cando seis meses antes con Felipe González e Solbes non cumplía ningunha. O que é necesario son persoas preparadas en cada departamento de goberno; como fixo Lula en Brasil, Iso fai, primeiro, que un país sexa respectado e que as persoas responsables de cada área de goberno sexan respectadas en todo o mundo; iso é fundamental. Primeiro hai que acadar unha estabilidade política, social e de prestixio de España e do Goberno e segundo prever que as necesidades fundamentais dos españois non se toquen, e non se van tocar co PP. Non se van tocar as pensións, a sanidade, cultura, educación. Aínda máis, Rajoy xa anunciou que se van actualizar as pensións o primeiro de xaneiro próximo, tal como establece unha lei de 1998. Haberá outros servizos que, evidentemente, haxa que modificar.
-Antes falaba vostede da necesidade de conformar gobernos con persoas competentes. Logo, Rajoy tivo e ten as mans libres para conformar ese goberno que podiamos denominar de tecnócratas? Tivo plena liberdade para conformar as listas electorais?
-Hai un principio que é o seguinte: dime con quen andas e direiche quen es. Se analizamos que Rajoy é unha persoa intelixente, preparada e que leva máis dun cuarto de século na política, se aceptamos que ten unha formación cultural, académica e política máis que notable, aceptaremos que as persoas que elixa van responder a estes parámetros de capacidade e responsabilidade, obviamente. O das mans atadas depende moito do respaldo electoral que o político teña no momento actual. Se a xente te elixe a ti, non ao pasado ni nao futuro, senón a ti nese momento concreto e ademais cun respaldo importante, iso dáche a confianza e a solvencia para facer o que ti cres que hai que facer nese momento sen ter que mirar a cada lado do partido.
– Fálase do sector duro do PP; fálase da presencia de Aznar na campaña que pretende influír na línea de Rajoy, en fin. Vostede cre que éste é quen de romper con todo ese entramado de familias e intereses impondo os seus criterios?
– Non teño a menor dúbida de que Mariano Rajoy vai facer o goberno que el entenda é o mellor para España. É certo que os partidos, todos os partidos, son estructuras que acollen a distintas sensibilidades; pero as sensibilidades hai que canalizalas, porque se non sería un caos.
-En Galicia, quen tivo vara alta nas listas, Santiago ou Madrid?
-Teño a total convicción de que as listas de Galicia se fixeron dende Galicia; evidentemente cun coñecemento moi claro de Mariano Rajoy, porque Rajoy non é de Cataluña, nin do País Vasco; é galego e coñece toda Galicia; As listas foron feitas dende Galicia coa intervención directa de Mariano Rajoy.
-Pronostique os resultados en Pontevedra, alomenos.
-Aquí penso que imos sacar os cinco deputados, polo menos, xa que eu fago o número cinco. Os votantes van ser pragmáticos. O que está no paro ou pendente de estar sabe que co goberno socialista ou cos nacionalistas non vai solucionar o seu problema. Hoxe o futuro é o Partido Popular; pero ademais é necesario que teña un amplo respaldo de maneira que non dependa doutras forzas para gobernar, porque se lle vai esixir solucións e só as pode ofrecer se ten capacidade suficiente para poñer o seu programa de goberno en marcha sen dependencias.
-Si, pero aquí podemos ter un problema novo. Un partido con maioría absoluta pode rematar sendo un corsé ou unha pequena dictadura á hora de gobernar. Vostede como ve este perigo.
-Perigo ata certo punto. O perigo é moi limitado no tempo porque cada catro anos hai eleccións e os votantes poden examinar o nivel de cumprimento para renovarlle a confianza ou para retirarlla. Dende logo se un partido de goberno non ten as mans libres para aplicar o seu programa non se lle pode esixir responsabilidades. Pido aos españois que nos dean o seu voto e se dentro de catro anos comproban que non fomos quen de cumprir coas súas expectativas veríamos totalmente xusto que nos retiraran do goberno.
Eu quero dicirlles, sobre todo aos desta zona sur de Pontevedra, ainda que eu me deba a todos, que en min terán un embaixador para todas aquelas cuestións que precisen solucionar, ben en Madrid ou en calquera outra instancia mais próxima.