Este 19 de agosto cúmprense 30 anos do fracasado intento de golpe da “liña dura” do Partido Comunista da Unión Soviética (PCUS) contra o entón presidente soviético Mijaíl Gorbachov. O fracaso do golpe acelerou o final político tanto do propio Gorbachov como tamén da URSS, certificado oficialmente o 22 de decembro de 1991.
Trinta anos despois, compre revisitar a figura de Gorbachov, o impulsor da Perestroika e da Glásnost, o derradeiro secretario xeral do PCUS e o primeiro (e tamén derradeiro) presidente da URSS ata a súa disolución. Un líder que tentou darlle ar fresco a un sistema excesivamente burocratizado e inerte, pero a quen as reformas propostas por el mesmo terminaron mergullándoo, a el politicamente e a ese sistema que tentou revitalizar.
Idolatrado en Occidente, a imaxe de Gorbachov dentro de Rusia ofrece claroscuros, matices grises sobre o seu legado, incluso alguén tildouno de “traidor”. No seu excelente ensaio “O último imperio”, o historiador ucraíno Serhii Plokhy sinala que foron precisamente as elites soviéticas de entón as que posibilitaron precisamente o final da URSS. E que Gorbachov, precisamente pola súa boa imaxe en Occidente, foi apoiado ata o último momento por EE.UU, o rival soviético da “guerra fría”.
Segundo argumenta Plokhy, o entón presidente estadounidense George W. Bush pretendía “salvar” politicamente a Gorbachov e a unha URSS debilitada, coa intención de asegurar que o importante arsenal soviético do outrora “imperio do mal” (Reagan dixit) non caera en mans menos dóciles, produto da desintegración nacional do Estado soviético e da posibilidade dun viraxe autoritario, xa non de esquerdas senón nacionalista e de dereitas, con visos de antioccidentalización.
Na historia rusa, a figura de Gorbachov téndese a perfilar no espazo dos “reformistas”, líderes circunstanciais que lles tocou unha difícil herdanza proveniente do seu sistema antecesor. Pero a figura do reformador na historia rusa soe entrañar dificultades. Tocoulle así a Aleksandr Kerensky en 1917, figura pouco estimada na historia rusa, quen debeu tomar o timón trala caída do zarismo como unha especie de parteaugas antes de que os bolcheviques tomaran o poder e a guerra civil espallárse por Rusia.
“Na historia rusa, a figura de Gorbachov téndese a perfilar no espazo dos ‘reformistas’, líderes circunstanciais que lles tocou unha difícil herdanza proveniente do seu sistema antecesor”
Outro caso similar foi Nikita Kruschev, o sucesor de Stalin, quen debeu a partir de 1956 dar un “golpe de timón” para denunciar o estalinismo e inaugurar a “desestalinización”, unha etapa aperturista con Occidente que, finalmente como tres décadas despois sucedera con Gorbachov, terminou tamén por mergullalo.
É un cliché dicir que a Gorbachov lle superaron eses cambios que imprimiu para recuperar as ideas socialistas nunha URSS lastrada polo inmobilismo da “era Brehzhev” (1964-1982), que levou á inercia de poder, simbolizada na xerontocracia establecida na nomenklatura do PCUS e da propia URSS. A chegada de Gorbachov á secretaria xeral do PCUS en 1985 simbolizou unha nova era. O que non sabía ninguén era que, precisamente, esa nova era significaría o final da primera sociedade socialista da historia e do imperio soviético, o único capaz de desafiar a EE.UU durante a “guerra fría”.
Trinta anos despois, que é de Gorbachov? Unha figura xa nin siquera decorativa. Aos seus 90 anos, o líder da Perestroika, que imprimiu un novo estilo de gobernar na URSS xunto a súa carismática esposa Raisa Gorbachova, transita case no esquecemento tanto en Rusia como no exterior, salvo algunhas contadas aparicións, como aquela da imparable maquinaria do marketing capitalista que levouno en 1998 a protagonizar un spot publicitario de Pizza Hut en plena Praza Vermella, ou como conferencista que reflexiona sobre os perigos do mundo actual.
“Trinta anos despois, que é de Gorbachov? Unha figura xa nin siquera decorativa”
E como a figura de Gorbachov pode explicar a Rusia post-soviética, en especial a de Putin, no poder desde 1999? Con menos claridade. A Rusia de Putin é claramente unha “oligocracia” que virou cara un capitalismo propio dun autoritarismo electoralmente competitivo, toda vez Putin simboliza as ansias de recuperación da sensación imperial perdida e o reforzamento do protagonismo ruso na escena internacional. Unha chave sempre presente no imaxinario colectivo ruso.
Aínda que desde fai anos Gorbachov publicamente ten apoiado de xeito incondicional a Putin, probablemente non era esa a Rusia que el mesmo ansiaba cando, en 1985, levou eses novos aires ao Kremlin.