Tras dúas lexislaturas con gobernos do BNG, As Neves apostou polo cambio este 28M da man de José Manuel Alfonso (PPdeG). Aos seus 54 anos, o novo alcalde ten unha ampla traxectoria como emprendedor así como en colectivos culturais, sociais e deportivos a nivel local e comarcal.
Vén de gañar a alcaldía tras oito anos de goberno do BNG. Que prioridades asume nesta nova etapa?
Somos moi conscientes de todo o traballo que temos por diante. O primeiro que debemos priorizar é que todos os núcleos de poboación teñan uns accesos dignos e acordes aos tempos nos que vivimos. Mellorar a asistencia no fogar e preocuparnos por crear infraestruturas que nos permitan actuar sobre a rehabilitación e construción de vivenda.
A PLISAN. Tendo agora un goberno afín (PP) en Salvaterra e na Xunta, lograrase por fin concretar esta plataforma como o eixe de desenvolvemento para o Condado-Paradanta?
É fundamental. Estou convecido que, en pouco tempo, por fin a nosa comarca experimentará positivamente unha enorme transformación en materia de economía e emprego coa instalación de empresas na PLISAN. É por iso que debemos actuar para recibir poboación nova no noso Concello.
“Debemos actuar para recibir poboación nova no noso Concello”
Liña de Alta Tensión. Cal é a súa posición ante este tema sensible para a cidadanía?
Sempre estarei defendendo os intereses da cidadanía, tanto neste tema coma en aqueles outros que poidan afectar negativamente a poboación.
As Neves forma parte a Eurocidade do Miño. O seu goberno manterá ou ampliará estas iniciativas de cooperación transfronteiriza?
Un tema fundamental é a cooperación transfonteiriza e traballar en proxectos conxuntos que favorezan o desenvolvemento integral da eurorrexión, Debemos establecer convenios de colaboración en materia de infraestruturas, fluxo de persoas, servizos comúns e actividades relacionadas co medioambente.
No Condado-Paradanta, ademais das Neves, o PP gobernará en Covelo, Arbo, Crecente e Salvaterra, a falta de coñecer o próximo goberno en Ponteareas. Vistos os resultados deste 28M, ve garantida a maioría absoluta do actual goberno na Xunta para 2024?
Creo que temos un goberno da Xunta sólido e solvente, que contamos cun bo presidente e un excelente equipo de goberno autonómico. O Partido Popular leva demostrando lexislatura tras lexislatura o seu compromiso co territorio e a mostra está que nas eleccións municipais subimos en porcentaxe de voto e a nivel provincial fíxose un moi bo traballo recuperando a Deputación de Pontevedra.