A Guarda | O Concello da Guarda ven de solicitar á Deputación de Pontevedra unha subvención para a contratación laboral temporal de 18 persoas en situación de desemprego, con cargo ao Plan Concellos 2018.
As prazas ofertadas destinaranse a traballos de conservación e funcionamento de bens e servizos municipais, cunha duración máxima de 9 meses, para o que se solicitarán dous axudantes para a recollida do lixo, persoal para a limpeza das praias (4), dous varredores, técnicos de turismo (1), informática (1), e medio ambiente (1), tres peóns forestais, un oficial e un axudante de albanelería, un auxiliar para o Centro Cultural e un conserxe para o Castelo de Santa Cruz.
As persoas interesadas nalgúns dos postos ofertados deberán estar inscritos no Servizo Público de Emprego (SEPE) como demandantes e dados de alta no Código Nacional de Ocupación (CNO) correspondente á praza que desexan solicitar.
O SEPE realizará unha sondaxe para localizar, en base aos seus datos, ás persoas candidatas que reúnan os requisitos, de xeito que é moi importante que as persoas interesadas estean inscritas no CNO asociado ao posto do seu interese. Para coñecer o código que corresponde, os e as interesadas poden achegarse á Axencia de Emprego e Desenvolvemento Local (AEDL) do Concello da Guarda, onde se lles facilitará toda a información necesaria.