A “carreira de tanques” para Ucraína presaxia o recrudecemento do conflito armado, xa cada vez mais inocultable, entre EE.UU-OTAN e Rusia. Ucraína é un mero centro de operacións, un laboratorio militar. E a veciña Polonia eríxese cada vez máis como un actor de poder con pretensións cuase-hexemónicas.
“O novo contexto practicamente bélico entre Washington e Moscova resucita un clima con rémoras na ‘guerra fría”
O novo contexto practicamente bélico entre Washington e Moscova resucita un clima con rémoras na “guerra fría”. A tan temida confrontación bipolar EE.UU-URSS entre 1947 e 1991 está desenvolvendose neste 2023 de xeito cada vez máis directo, ao calor da guerra ucraína. É unha OTAN liderada por Washington, ampliada cara repúblicas ex soviéticas e de Europa do Leste pero non tan poderosa como se agardaba. O seu contrincante é a Rusia de Putin, herdeira da desfeita postsoviética. E Europa, outra vez, na súa condición de escenario estratéxico deste pulso.
Para Ucraína, a pesares do festín armamentístico que está a recibir de Washington e dos seus aliados europeos, as cousas tampouco van ben. O seu presidente Volodymir Zelenski (non esquezamos, o “home do ano 2022” para a revista Time) acomete unha vaga inesperada de dimisións e ceses por casos de corrupción acaecidos (que curioso!) durante esta guerra.
“Para Ucraína, a pesares do festín armamentístico que está a recibir de Washington e dos seus aliados europeos, as cousas tampouco van ben”
Ucraína, hoxe case que o “centinela da liberdade e da civilización occidental”, é tamén considerado como o “país máis corrupto de Europa”. Pero agora está vendo como comeza a reverterse o seu cénit de avances militares observados a finais de 2022, á espera dunha ofensiva militar rusa que Occidente tenta conter a toda costa vía tanques Leopard e Abrams e baterías antimísiles Patriot. Escenario que confirma os erros dos triunfalistas vaticinios da “vitoria total” ucraína no terreo militar contra Rusia.
Contención a Rusia que, ironicamente, tamén divide aos occidentais. Sometida a intensas presións dende Washington a través do seu radar, o cuartel xeral da OTAN en Bruxelas, Alemaña finalmente aceptou o envío a Ucraína deses tanques Leopard. Como se fora un interlocutor que non responde ante ninguén, Polonia aproveita a conxuntura para erixirse nunha especie de “benefactor” do arsenal bélico alleo e que Occidente envía a Ucraína para defenderse da “barbarie rusa”.
Unha semana antes, durante un encontro “otanista” na base estadounidense alemá de Ramstein, Berlín provocou a ira estadounidense (e polaca) ao negarse a enviar eses tanques a Ucraína. Xa advertimos do papel preponderante que está tendo Polonia nesta guerra. Ten os seus intereses históricos, medidos igualmente en reivindicacións e receos cos seus veciños alemá e ruso.
A guerra de Ucraína tamén ten efectos colaterais noutros ámbitos como América Latina. O Comando Sur estadounidense pediu aos seus aliados latinomericanos enviar axuda militar a Ucraína. Washington sabe ben que China e Rusia tamén xogan as súas cartas no hemisferio occidental, incluso no plano militar, como ten realizado o Kremlin con Venezuela, Cuba e Nicaragua.
O Comando Sur xa non se corta cando anuncia que os inimigos para a seguridade nacional estadounidense están en Moscova e Beijing. Sorte de nova “Doutrina Monroe”, a Estratexia de Seguridade Nacional da administración Biden sinala a Rusia e China como as súas ameazas inmediatas. O foco de Washington tamén está en torno ao “triángulo do litio” entre Bolivia, Arxentina e Chile e o “triángulo enerxético” caribeño con Venezuela como epicentro e Cuba e Nicaragua como satélites.
Este 24 de xaneiro realizouse o VII Cumio da CELAC en Bos Aires. Un cumio no que o brasileiro Lula (que acaba de sobrevivir a un golpismo “bolsonarista” con aderezo “trumpista”) e o anfitrión Alberto Fernández buscaban resucitar novos marcos de integración, con moeda propia mediante, o SUR, atendendo contextos de crises políticas en Perú, Brasil, Bolivia e un calendario electoral en países estratéxicos como Chile e Arxentina.
Para Washington, unha CELAC liderada polo xiro progresista de esquerdas na rexión non é unha boa noticia. E menos cando Lula volve a apostar polo multilateralismo, que pode implicar un maior achegamento cara Rusia e China vía BRICS con novos mecanismos financeiros e de cooperacion económica que reduzan a hexemonía estadounidense.
“Apelando aos militares latinoamericanos nesta ‘empresa’, non estará buscando Washington desequilibrar as relacións cívico-militares dentro destes gobernos progresistas?”
Nesta carreira, case á desesperada, de “axuda militar” a Ucraína impulsada por Washington, poderán os BRICS, Lula, a CELAC manifestar unha vía alternativa de negociación ante a deriva militarista global? Aceptarán estes gobernos progresistas a oferta estadounidense de axuda militar a Ucraína? Apelando aos militares latinoamericanos nesta “empresa”, non estará buscando Washington desequilibrar as relacións cívico-militares dentro destes gobernos progresistas coa probable intención de propiciar tensións e, quen sabe, aventuras golpistas como a que acabamos de ver en Brasil? Moitas conxeturas, difíciles respostas.
O certo é que na Casa Branca (e tamén no Kremlin) desempolvan o manual da “guerra fría”. Dende Ucraína ata Taiwán, Irán, Cáucaso ou América Latina. “Falcóns” e militaristas do novo mundo “post-pandémico”, uníos e benvidos á guerra!!!