Cadernos da viaxe.
Quizais un dos máis grandes méritos do BNG de Ana Pontón nestas eleccións nacionais foi pór por diante a axenda de intereses galegos, malia os esforzos en contra opostos polos paracaidistas do PSOE, Sumar e PP. Ficou ben nidio que a cidadanía do país quería escoitar e falar dos seus problemas e das súas posíbeis solucións. Velaí o bo suceso do BNG e mesmo, parcialmente, da reacción do PP de Rueda, que apelou fronte á Pontón a argumentos propios de políticas a desenvolver dende Galicia.
Malia Feijóo, Sánchez, Díaz ou mesmo Rueda na precampaña e primeiro terzo da campaña, falouse de autogoberno, economia e benestar. Referidos a Galicia. Falouse do que nos convén e do que nos deixa de convir e ducias de milleiros coñecen xa que aos galegos e galegas non nos compre máis España, senón máis Galicia. Dito doutro xeito, que partillamos lóxicamente-somos un país europeo non demasiado diferente do conxunto dos demáis- algúns dos intereses comuns do Estado e da Europa, mais diferimos en non poucos polas características do noso territorio, distribución da poboación, lingua e cultura e estrutura económica.
Velaí un sistema de representación política ben diferente do estatal (Vox, Sumar e Podemos sen representación, PSdeG con só un 14% dos votos e un 12% dos escanos, mentres o BNG quita un terzo dos escanos…), de dimensións diferenciais só albiscábeis en Catalunya, Euskadi e Nafarroa. Representación que alicerza unha interpretación plurinacional do Estado se Sánchez Pérez-Castejón é quen de respectala e pode constituir o único xeito de ver esa España que outros teiman en conceptuar única no linguístico, cultural e (o que aínda é peor) no atinxente aos intereses empresariais, sociais e de infraestrutura social básica.
“O PP quitou a maioría absoluta. Mais xa non é hexemónico”
Terá tamén Rueda oportunidade de demostrar se vai continuar a ser un apéndice dos intereses da grande empresa madrileño-española que representan Núñez Feijóo e Díaz Ayuso ou quere representar centos de empresas galegas, quer da economía do capital, quer da economía social, que demandan un apoio do seu Goberno que até de agora lles foi negado.
E, en último de contas, a sociedade civil galega haberá reivindicar, se os seus axentes queren ser críbeis en cadanseus ámbitos sectoriais, a súa autonomía a respecto de todas as opcións políticas, o que até de agora non foi posíbel. Malia exemplos de corrección democrática como o de Vieitez, presidente da CEG, cando recoñeceu que o programa do BNG era substancialmente “amigábel” canto aos intereses da promoción empresarial.
O PP quitou a maioría absoluta. Mais xa non é hexemónico nin vai poder impor, en exclusividade, a súa axenda na sociedade civil galega. Imos vivir, xa que logo, tempos de máis democracia.