Ourense | Sen entrar a nomear as promesas que moitas veces repetiu ate a saciedade o alcalde, promesas que ningunha é realidade a día de hoxe, e escoitando o que acontece na economía do Concello, como moitos ourensás pregúntome se os grupos políticos da oposición serán capaces de chegar a un acordo e buscar unha solución á caótica situación que se vive na casa consistorial.
Son dos que penso que o principal causante deste desaguisado foron os populares que, por manter a Deputación, déronlle a alcaldía a quen hoxe manda. Mais como eso xa é auga pasada, e despois de escoitar a posición dos grupos presinto que, por uns e polos outros, a casa pode quedar sen limpar. E os ourensás seguiremos aturando o que non nos gusta, aínda sabedores de que logo virá unha derrama pra pagar o que debe o axuntamento.
Os do PSOE din que están abertos a falar sen liñas roxas. Os do PP de Ourense, que non os que mandan en Compostela, din que están abertos a falar con todo o mundo. Claro que falar con todo o mundo pode entenderse que tamén é falar con Jácome a pesares das falcatruadas e humillacións que lles fixo. E os do Bloque pídenlle ós populares que pidan perdón e están á espera do que non vai chegar.
Con este panorama, son dos que penso que como na política sempre hai que escoller a solución menos mala, pois a perfecta nunha sociedade plural como a nosa non é posibel, aínda espero polo milagre do acordo. Sei que algún dos tres grupos, quizais por manter aquelo de que con ises “nin auga” esperará o que non chega, e todo por medo de perder a entrar nunha contrariedade que, no caso de Ourense, estaría máis que xustificada.
Polo que comenzo a sospeitar, ogallá me trabuque, que non haberá moción. E teremos que seguir o que queda de mandato cun concello desprestixiado e mangoneado pra vergoña de milleiros de ourensás. Todo un exemplo do que non debe acontecer. A política local, dende que estamos no tempo da democracia, nunha estivo tan mal xestionada e tan falta de credibilidade como nestes últimos anos.
Hoxe falar deste Concello é tanto como falar dunha institución caciquil onde todo camiña ó revés da normalidade. Onde todo o excéntrico e trangalleiro pode acontecer. Chega con ver os plenos pois son a imaxe dunha comedia bufa.
“Hoxe falar deste Concello é tanto como falar dunha institución caciquil onde todo camiña ó revés da normalidade”
Con todo, eu como cidadán fágome varias preguntas. A primeira: Se a Deputación a día de hoxe está asegurada pois PSOE e PP teñen acordos que semellan interesantes para moitos concellos e non non son precisos os votos de DO, os populares non teñen argumentos pra manter esa postura de non subir nin baixar. Ou sexa: de non sumarse á moción de censura con gañas de que salga adiante.
Dúas: Se dentro do consistorio hai grupos que teñen pactos en centos de concellos, a que ven o de esperar a que un grupo recoñeza o seu erro. Non o entendo. Si hai gañas de arranxar o asunto sempre hai que dar un paso adiante. Logo viran as condicións e as negociacións e xa se verá. Ademais pode acontecer que PP e PSOE cheguen a un acordo e poñan ó Bloque nunha situación moi difícil que pode ter custes políticos. Pois ou se suma á moción, ou apoia indirectamente a Jácome.
A teimosía de non querer facerlle ver ós que mandan en Compostela de que Ourense a día de hoxe no tema local é un caso especial, semella medo, torpeza ou non sei o qué. Manterse no purismo de non ir a escoitar pra non entrar en contradicións co que se dixo reiteradamente, ou manter un silencio interesado, deixa ben as claras que no concello non hai líderes capaces de gobernar e defender o ben común. Pois unha cousa é estar na oposición moi cómodos e conformarse con opoñerse no pleno, e outra remangarse pra solucionar os problemas dos ourensás, polo que semella que os intereses partidarios e de parte poden impoñerse sobor dos xerais. E eso é moi perigoso ademais de ser un grave erro.
Con todo, haberá que esperar que pasen as eleccións europeas e saberase a posición dos Populares e dos demais grupos. Saberase con moita claridade quen pon atrancos a esa moción pra normalizar a vida do Concello e quen está disposto a afrontar os graves problemas do mesmo. Na foto, Jácome na procesión de Corpus deste ano.