Santiago de Compostela | Un cento de estudantes de Secundaria de toda Galicia denunciaron hoxe en Silleda o impacto que teñen as noticias falsas e o racismo presente nos medios e nas redes na sociedade e, moi especialmente, na rapazada.
Fixérono nun encontro intercentros ou hackathon incluído no proxecto EpDLab que, en palabras do director IES Pintor Colmeiro de Silleda pon o foco no papel do diálogo, da educación e do xornalismo nun contexto convulso como o actual.
Para combater esta problemática, elaboraron unha serie de microvídeos nos que se dirixen principalmente ás e aos adolescentes, pero tamén ás persoas adultas, para advertirlles que todas e todos podemos ter actitudes racistas “sen nos decatar”; que debemos contrastar as informacións que recibimos “especialmente, a través das redes sociais”, porque poden ser falsas; e que os bulos e o discurso do odio vai sempre en contra da xente máis vulnerable.
A rapazada participante no hackathon advírtenos que coas nosas actitudes podemos facer unha sociedade mellor, evitando o uso de estereotipos, desmentindo os bulos e denunciando os contidos racistas que vemos nas redes. “A clave para conseguir un entorno dixital máis diverso, igualitario e inclusivo”, indican, “é ter máis empatía e reivindicar que todos os seres humanos debemos ter os mesmos dereitos”.
Un hackathon é un evento no que nun breve espazo de tempo un grupo de persoas de forma colaborativa intentan crear prototipos ou solucións para unha problemática. O celebrado hoxe en Silleda é unha xornada intensiva de traballo creativo conxunto na que participa todo o alumnado vinculado este curso ao EpdLab, un proxecto de innovación educativa que ven desenvolvendo a Asociación Galega de Comunicación Social (Agareso) dende 2015 en centros de toda Galicia.
Este proxecto traballa temáticas como o sexismo, as migracións, o medio ambiente, o consumo responsable, a veracidade das mensaxes e as fake news, a cooperación internacional, o voluntariado e o activismo a través de ferramentas da comunicación dixital como os memes, os gifs, o stop motion, os microvídeos dende o móbil ou a contrapublicidade.
EpDLab é un proxecto educativo que xorde a partir da reflexión colectiva de varios grupos da ESO en Galicia, máis outros grupos en O Salvador e República Dominicana.
O alumnado traballa con ferramentas TIC para crear e difundir na rede contidos ao redor da igualdade de dereitos, da participación responsable e da xustiza social, apropiándose dos medios que teñen nas súas mans para participar en accións innovadoras cara á comunicación inclusiva, o desenvolvemento social e á denuncia da desigualdade.