Tui | Este venres, 24 de novembro, remata a programación de outono no Teatro Municipal de Tui coa posta en escena de “Hamelin” por parte de Redrum Teatro. A representación comezará ás 21.30 h e as entradas poden adquirirse até quince minutos antes do inicio en tui.gal aos prezos de 10€ e 8€.
Alex Sampayo dirixe o elenco formado por Guillermo Carbajo, Laura Míguez, César Goldi, Machi Salgado, Fran Lareu, Rubén Porto e Mónica García. O espectáculo, escrito por Juan Mayorga, aborda o conflito dos abusos sobre a infancia nun texto que en 2006 lle valeu o premio Max ao Mellor Autor.
Nesta versión do conto Hamelin é unha cidade que non sabe protexer aos nenos, até que alguén fai soar unha fermosa música. O espectador deberá imaxinar máis aló do que se mostra en escena.
A obra fala, de xeito sutil, sobre as diversas formas de violencia que os adultos exercen sobre os nenos. Unha delas é a dominación sexual, pero tamén a ausencia de modelos, o abandono, o desamor.