O Porriño/Cans | O Festival de Cans acollerá a estrea mundial de A historia dun satélite, unha longametraxe dirixida polas irmás Sonia e Miriam Albert-Sobrino, coñecidas como as Also Sisters. Trátase do filme debut destas irmás xemelgas, filmado na Universidade de Utah -na que agora son docentes- e asesorado por Sterling Van Wagenen, cofundador do Festival de Sundance. Dende que comezaron a producir as súas primeiras curtametraxes, as Also Sisters viron as súas curtas proxectadas nas pantallas de prestixiosos festivais coma o Festival Internacional de Cinema de Edimburgo, o Festival de Raindance, Cinespaña e tamén no Festival de Cans, no que estiveron dúas veces como participantes a concurso. Sonia e Miriam son o perfil de realizadoras idóneas para o noso certame: debutantes, que dan o salto do mundo da curtametraxe ao da longa e que creceron como profesionais a medida que o fixo tamén o Festival.
Así o indicou esta mañá a presidenta da Asociación Arela, Keka Losada, na presentación da imaxe gráfica e as camisetas do XIV Festival de Cans que tivo lugar na tenda do Rei Zentolo en Santiago de Compostela. O deseño, realizado por Rei Zentolo, baseouse esta ocasión nunha fotografía real da propia organización do festival que reflicte o espírito de cooperación, participación e traballo colaborativo polo que se caracteriza o Festival de Cans. Na imaxe central, varias persoas están portando un “can de Cans”, rodeados de elementos tan característicos do festival coma o chimpín, a igrexa que se sitúa ao lado do Torreiro ou as estrelas coas que deixan pegada cada ano as personalidades máis destacadas que pasan polo certame.
O cineasta Alfonso Zarauza, membro do xurado de curtametraxes do XIV Festival de Cans tamén fixo públicos os nomes das persoas que o acompañarán na tarefa de outorgar os premios dun concurso que “contará con 16 curtas de ficción e non ficción e 5 de animación”. Serán Luisa Romeo -produtora de cinema-, Mara Torres -xornalista-, José Antonio Quirós -cineasta-, Sonia Castelo -actriz-, Diana Toucedo -docente, cineasta e montadora- e César Goldi -actor-.
Como broche final da presentación, o festival fixo pública a súa canción oficial, un tema composto por Eladio Santos, músico de Eladio y los Seres Queridos, e que leva por título “Se ti vés comigo a Cans”. O artista tocou o tema en directo esta mañá ante as persoas asistentes e volverá facelo durante o concerto que ofrecerá o sábado 27 de maio no Espazo Mahou da Leira de Alicia.
Na presentación, o Festival de Cans avanzou tamén que os festivais afectados polo problema das axudas, chegaron esta semana a un acordo con Agadic, para que este organismo poida aportar aos festivais unha parte das axudas solicitadas e se axude a paliar o déficit de partida co que varios festivais arrancarán nesta edición.
VENDA DAS PRIMEIRAS 600 ENTRADAS
O próximo martes 25 de abril ás 10h00 poñeranse á venda na tenda virtual do festival (http://tenda.festivaldecans.com/) os primeiros 600 packs de entrada+camiseta, pensados exclusivamente para os máis fieis seguidores do certame. Como agasallo e agradecemento a esa fidelidade incondicional recibirán tamén unha chapa exclusiva e de tirada limitada. Ademais, os compradores poderán recoller tamén de forma gratuíta durante os días do festival o catálogo con información ampliada de todas as actividades. O prezo do pack completo é de 21,50€ (cun prezo real que correspondería a 26€ sen oferta) e poderá recollerse a partir do día 10 de maio nas tendas do Rei Zentolo en diversas cidades de Galicia, así como na tenda Tía Tata do Porriño.