Mondariz | O Goberno municipal do Concello de Mondariz, encabezado polo alcalde Xosé Emilio Barros, recibiu na Casa Consistorial aos representantes das entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos para asinar formalmente os convenios aprobados a principios de ano para regular as relacións de cooperación e coordinación entre o Concello de Mondariz e cada entidade local menor, e dar cumprimento á Lei de Administración Local de Galicia.
“Formalizar a relación entre o Concello de Mondariz e as entidades locais menores a través destes convenios é un paso histórico. Non só se trata de cumprir a lexislación vixente, senón de dar solución a problemas estruturais que se foron aparcando durante as anteriores lexislaturas e que, como é o caso, pasaron mesmo polos xulgados”, comentou Xosé Emilio Barros, alcalde de Mondariz, en referencia á demanda xudicial que iniciou a entidade local menor de Vilasobroso en 2019, antes de rematar a pasada lexislatura, contra o Concello de Mondariz por este asunto.
As entidades locais menores de Vilasobroso e Queimadelos levaban décadas demandando o cumprimento da Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración Local de Galicia no que respecta á recadación da porcentaxe mínima dos impostos devindicados polo Concello no ámbito territorial de cada entidade local menor, mais ningún Goberno municipal dera resposta a esta demanda ata agora.
En xaneiro deste ano, despois dun longo tempo de análise xurídica e negociación política coas partes, os dous convenios de cooperación e coordinación foron aprobados pola Corporación Municipal en sesión plenaria, cos votos favorables dos concelleiros e das concelleiras do BNG, PSOE, Alternativa por Mondariz e Ciudadanos, e as abstencións do PP. Antes da votación, os presidentes das entidades locais menores de Vilasobroso (Alexandre Estévez) e de Queimadelos (Sandra Queimadelos) puideron dirixir un alegato á Corporación Municipal grazas a unha autorización da Alcaldía.
Os convenios de colaboración e coordinación aprobados, con todo, están concebidos como convenios de mínimos.
O obxectivo principal é que funcionen como marco legal básico para nun futuro, en función da experiencia e da vontade político-administrativa das partes interesadas, ampliar as competencias.