Tui | A Sala de Exposicións Municipal do Concello de Tui, no edificio Francisco Sánchez, acolle até o próximo 18 de marzo unha mostra artística de Hixinio Castillo “Cali”, que foi mestre do CEIP Pazos de Reis durante varias décadas.
Onte á tarde, no acto de inauguración estivo presente a concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente Solla, o artista, “Cali”, e Silvestre Gómez Xurxo, secretario do Consello de Cultura Galega e que foi, durante anos, compañeiro de Hixinio Castillo no CEIP Pazos de Reis. El encargouse de presentar a exposición.
Tamén participou no evento Pablo Nogueira, músico membro do Grupo Treixadura, quen interpretou dúas pezas musicais cun serrucho.
Na súa presentación, Silvestre Gómez, describiu a obra de “Cali” como “difícil de expresar e de explicar, porque cos seus debuxos e coas cores que emprega evoca unha tradición e unha festa moi persoais”.
A concelleira de Ensino e Cultura, Sonsoles Vicente, agradeceu o “importante labor que desempeñan os e as docentes e, sobre todo, no caso de “Cali”, como un servizo público”.
A exposición conta con máis de 80 debuxos e pinturas realizadas polo artista, entre os que salienta especialmente unha serie dedicada ao Entroido, con representacións pictóricas de varios Entroidos tradicionais das terras de Ourense, Lugo e Portugal. A mostra poderá visitarse até o 18 de marzo en horario de 9:00 a 14:00 e de 16:00 a 21:00 de luns a venres, e de 9:00 a 13:00 os sábados.