No 2006 a cidadanía catalá aprobou plebiscitariamente un novo Estatut. O PP presentou un recurso perante o Tribunal Constitucional, chegando pedir sinaturas, cando só había un 10% de independentistas na Catalunya. En xuño do 2010 o TC decretaba a inconstitucionalidade parcial do Estatut e proclamaba que non existen competencias exclusivas autonómicas no Dereito Constitucional español e que non é posíbel unha evolución da Constitución cara un estado plurinacional.
Dende entón, unha onda cidadá soberanista encheu rúas e prazas e impúxose dende a sociedade civil aos partidos políticos. Fitos deste procès foron as Diadas todas entre 2012 e 2017, a consulta cidadá do 9-N do 2014 e o trunfo por maioría absoluta das eleccións do 27-S de 2015 e do último 21-D con cadanseus 47,7% e 47,5 de votos.
Fronte esta realidade e malia que máis do 70% dos cataláns querían decidir plebiscitariamente o seu futuro, Rajoy preparou un choque de trens que entendeu habería de beneficialo para recuperar a enchente de votos perdidos, baseándose nas instancias xurídicas que controlaba directamente: Fiscalía Xeral do Estado, TC e Salas do Penal da Audiencia Nacional (AN) e do Tribunal Supremo(TS).
Esqueceu que as necesidades de seguranza pública estaban perfectamente cobertas polos Mossos e, deixando inermes moitas vilas e cidades do Estado fronte a ameaza yihadista, ocupou o País catalán con milleiros de policías e gardas civís, que na xornada do reférendum do 1-O agrediron por orde do Goberno Rajoy milleiros de cidadáns pacíficos, nun espectáculo inédito na Europa democrática dos últimos trinta anos.
Logo Rajoy vulnerou o artigo 155 da Constitución, disolvendo Govern e Parlament, malia que esa Cámara limitarase a declarar de xeito puramente simbólico e non executivo a República catalá. Medio Govern foi encarcerado preventivamente, nunha aplicación absolutamente anticonstitucional do Dereito Penal do Inimigo.
Aínda nestas circunstancias de desigualdade, o soberanismo seguiu transitar polas canles da non violencia e revalidou unha maioría absoluta coa que ninguèn contaba. E moi axiña o unionismo tentou bloquear esta maioría aproveitando o cárcere e exilio de oito deputados.
O soberanismo catalán cometeu erros, algún deles quizais grave. Mais comprenderán que, diante desta enxurrada, un non poida ser equidistante.