Homenaxe a Alexandre Bóveda en Ourense no 120 aniversario do seu nacemento

Fronte á súa casa natal na rúa da Barreira

Ourense | O Concello de Ourense rendeulle homenaxe ao político e intelectual galeguista Alexandre Bóveda, no 120 aniversario do seu nacemento, fronte á súa casa natal, na rúa da Barreira de Ourense. Acompañados pola música da agrupación Redegaita, foi o tenente de alcalde en funcións do Concello de Ourense, Armando Ojea, quen tomou a palabra para defender os valores de convivencia, especialmente entre “os nativos da democracia”, perante a barbarie do pensamento único e dos réximes ditatoriais.

O acto, no que estiveron presentes o alcalde en funcións, Gonzalo Pérez Jácome, o subdelegado do Goberno, Emilio González Afonso, e integrantes dos grupos municipais de DO, PSdeG_PSOE e BNG, rematou coa tradicional ofrenda floral fronte á estatua que o lembra, obra de Manolo de Buciños, acompañada do himno galego.