Verea | Cincoenta persoas renderon, xunto ao Comité de Memoria Histórica da Comarca de Celanova e o Concello de Verea, unha homenaxe ás vítimas da represión fascista.
Julio González Álvarez, de 25 anos, natural de Verea e mestre en Gontán (Verea); Amadeo López Bello, de 32 anos, natural de Carballeda de Avia e mestre en Beiro (Carballeda de Avia); Silvio Torres Díaz, de 23 anos, natural de Ourense, chofer de profesión e veciño do Couto (Ourense); e Eloy Romero Luis, de 28 anos, natural de Vilardevós e farmacéutico en Leiro, foron asasinados no lugar coñecido como A Poza das Ras, o 29 de agosto de 1936.
“Xunto ás familias e xunto ao Concello de Verea celebramos esta homenaxe en memoria de Amadelo, Eloy, Julio e Silvio, que loitaron polas liberdades, polo cambio social e pola dignidade dos homes e mulleres deste país”, dixo na súa intervención Celia Inés Feijóo Soto, presidenta do Comité, e subliñou que “esta homenaxe ten un precedente no acto que celebrou no ano 2009 o colectivo Arraianos, e ten o seu fundamento nas investigacións de xente como o médico David Simón e o historiador Mateo Martínez, e ábrese cara o futuro coa iniciativa do Concello de Verea de impulsar a declaración da Poza das Ras como lugar de Memoria”.
Pola súa banda, José Antonio Valado, alcalde de Verea, anunciou que xa se iniciaron os trámites da solicitude, ao Ministerio da Presidencia e ao abeiro da Lei estatal 20/2022, da declaración da Poza das Ras como Lugar de Memoria.
Estiveron presentes familiares de Julio González, Eloy Romero e Silvio Torres, mentres a familia de Amadeo López desculpou a súa presenza por un compromiso anterior.
Precisamente unha das familiares de Julio González, despois de agradecer a homenaxe, reclamou manter viva a memoria daquelas vítimas neste espazo e, persoalmente, a mantela viva no desenvolvemento da súa futura profesión de mestra.
Veciñas de Verea e de Celanova, e representantes dos Amigos da República, entre eles Manuel e Gonzalo Sueiro, e do Comité de Memória Histórica do Val do Límia participaron no acto.
Nas imaxes familias e membros do Comité, após da homenaxe, xunto a ofrenda de flores. Hixinio Araúxo (membro do Comité), Pérez Valado, Celia Inés Feijóo Soto, Dores G Duarte (membro do Comité) e Manuel Sueiro (Amigos da República), durante os discurso na Poza das Ras.