Sempre fun partidario de utilizar criterios innovadores para acadar a galeguización da sociedade fuxindo das inertes e manidas inercias. Para tal fin cómpre un método de análise que inclúa o imprescindible e rigoroso coñecemento da realidade que se quere transformar; grandes dóses de intuición para adiantarmonos aos futuros aconteceres cando non hai abonda información sobre eles; e a utilización dunha elaborada asociación de ideas que nos aproximen á complexidade sobre a que queremos actuar, e tamén a necesaria audacia para acadarmos os obxectivos propostos.
Vén isto a conto porque o Foro E. Peinador deseñou un acto para homenaxear ao gran pianista e empresario don Ramón Castromil Ventureira, director xeral da empresa familiar cunha numerosa frota de autobuses que vertebrou a Galicia costeira, unindo o norte co sur, desde Ferrol a Vigo.
A imaxe corporativa da empresa levouna a cabo nos anos trinta o cartelista Camilo Díaz Valiño. Foron tamén moitos os escritores e escritoras que incluíron nos seus textos literarios alusións á empresa. Ramón Otero Pedrayo cando describe a viaxe en avión que fai en 1950 a Buenos Aires chamoulle “o Castromil do aire”.
Estas reseñas previas sérvennos para explicar unha vez máis como a diglosia coutou a necesaria audacia dos nosos galeguistas que non traspasaban as liñas que separaban as prácticas literarias do resto das actividades, mesmo as económicas , nas que eran unha illa de galeguidade os “Laboratorios Zeltia” e empresas afíns , propiedade do empresario Antonio Fernández López; o resto do tecido empresarial vivíu e segue a vivir aínda hoxe de costas a Galicia cun estatuto xurídico propio, que defende a cultura e a lingua de noso.
Cando desde o Foro E. Peinador e o colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal) asumimos o reto de comtemplar a conquista de novos espazos de uso para a lingua galega, solicitámoslle a un coñecido galeguista cultural que actuase de mediador con don Ramón Castromil. Lémbrome que lle fixeramos tal encargo dada a amizade que mantiña con el. Era tan estreita que os matrimonios adoitaban cearen xuntos todos os venres. “En que ligua fala vostede con el, de que falan?” preguntámoslle ao mediador.
A resposta foi clarexadora: en castelán e abeirando os problemas políticos de Galicia; falaban de temas triviais. Evidentemente era unha relación diglósica e renunciando ao maxisterio socrático galeguizador. A intelectualidade galeguista nunca fixo nada por tender pontes. Algúns asistían convidados ás sobremesas dos xantares de coñecidos empresarios para amenizarlles a dixestión con contos de lareira, falando en castelán. Coñecín a varios. Cando lles afeei esa conduta por non aproveitaren esas ocasións en aras dunha maior galeguización do país, xustificaban o seu proceder coa mesma argallada: “é moi difícil; galeguistas, si, pero con prudencia, non vaia ser que molestemos aos que nos convidan”,dicían.
“Ramón Castromil acudíu a unha cita connosco na que lle explicamos a anómala desvertebración cultural do pais, e da necesidade de poñerlle remedio, incorporando o empresariado á defensa da nosa identidade”
Ramón Castromil acudíu a unha cita connosco na que lle explicamos a anómala desvertebración cultural do pais, e da necesidade de poñerlle remedio, incorporando o empresariado á defensa da nosa identidade. Quedou sorprendido, e respondeu asi: “Nunca ninguén me fixo tal proposta. Por min, podemos empezar mañá”. A súa resposta é merecente da figurar na antoloxía do morno galeguismo de moitos próceres.
Galeguizar a Empresa Castromil foi cousa de seis meses. Nese período de tempo bautizáronse os autobuses cos nomes de escritores e personaxes históricos. Os monitores de tv utilizáronse para divulgar o patrimonio cultural do país , e os aparatos de radio para acompañar aos viaxeiros con música galega Viaxar nos autobuses da empresa supuxo unha terapia cultural importante para moitos galegos. “Teño que coller o Rosalía de Castro”, “Eu o Xelmírez”, dicíanse uns a outros. Facían os traxectos lendo exemplares dos “Contos do Castromil”, editados por milleiros, escritos para a ocasión por máis de vintecinco autores, que os condutores lle entregaban co billete en galego. Nunca os os condutores se sentiran tan orgullosos e identificados coa empresa.
O próximo día 10, o Foro E. Peinador convoca, ás 11:00 horas un acto académico, aberto ao público, no Salón Nobre de Fonseca, en Santiago de Compostela, coa presencia dos tres reitores das universidades galegas, responsables de institucións públicas e empresarios galeguizados. Outros que anunciarán desde o estrado a incorporación ao movemento de galeguismo empresarial. Ás 13:00 horas, na Intermodal (nova Estación de Autobuses) da cidade, procederase á inauguración dun busto de Ramón Castromil grazas ás colaboracións do Concello de Santiago e Secretaría Xeral de Política Lingüística.
Xosé González Martínez é Presidente Foro E. Peinador.