Ourense | O próximo venres día cinco de abril ás oito da tarde no Liceo de Ourense celebrarase o acto de homenaxe pública á figura do desaparecido Luis González Seara, político, xornalista, sociólogo e catedrático. Intervirán neste acto Javier Casares Mouriño, presidente do Liceo; Jacinto Seara Amigo, promotor do acto os seus fillos do homenaxeado Carlos e Mª Carmen González.
González Seara naceu na Merca (Ourense) o día sete de xuño de 1936, faleceu en Madrid o 23 de abril de 2016. O seu pai era mestre e represaliado ata os 25 anos de paz e a súa nai mestra en Requiás (Muíños). Os primeiros ensinos na escola pública da súa nai con libros en portugués estaban a máis dun quilómetro da frontera; realizou o bacharelato no instituto de Ourense e licenciouse en Ciencias Políticas e Socioloxía pola Universidade de Madrid obtendo o título de doutor nesta mesma disciplina en ambos os casos con matrícula Cum Laude.
Desenvolveu unha meteórica carreira docente como catedrático de Socioloxía da Universidade de Granada (1968) e Complutense de Madrid (1970), tamén foi decano da Facultade de Ciencias Políticas e Socioloxía da Universidade Complutense (1971) da que foi cofundador.
Xefe da secretaría particular de Manuel Fraga, traballando conxuntamente co membro recoñecido do PCE Tamames. Cando Fraga foi ministro de Información e Turismo (1962), encargoulle a fundación e dirección en funcións e foi secretario xeral do Instituto da Opinión Pública (1963-1969), orixe do CIS.
Presidente da Editorial Impulsa (1971-1977), editora da revista Cambio 16 e o xornal Diario 16 (impulsor de Liberdade sen ira), abríndoselle en 1975 un sumario no Tribunal de Orde Pública por presunta infracción da Lei de Prensa que non prosperou. Posteriormente foi presidente do Independente. Secretario xeral do Instituto de Estudos Políticos, profesor nas Escolas de Xornalismo e Radiodifusión e Televisión, director- xerente da Fundación para o Desenvolvemento da Función Social das Comunicacións, presidente do Club Século XXI.
Senador de UCD por Ourense nas Cortes Constituíntes (1977-1979) e membro da Comisión Constitucional. Secretario de Estado do Ministerio de Educación e Ciencia (1977-1979). Deputado de UCD por Pontevedra, na lexislatura 1979-1982. Ministro de Universidades e Investigación (1979-1981). Comisario Xeral do Festival cultural de EUROPALIA 85, dedicado a España e celebrado en Bélxica en 1985. Vicepresidente da Fundación Retevisión. Premio Nacional de Ensaio 1996 polo libro O Poder e a Palabra. Membro da Academia Europea das Ciencias e as Artes. Membro da Real Academia de Ciencias Morais e Políticas. Membro da Orde do Mérito Constitucional.
Recibiu as Grandes Cruces de Carlos III, de Alfonso X o Sabio, do Mérito de Portugal, do Mérito Aeronáutico; Medalla de Ouro da Universidade Internacional Menéndez Pelayo, Medalla de Ouro da Facultade de Belas Artes da Universidade Complutense.
É autor, entre outros, destes libros: “Opinión Pública e Comunicación de Masas” (1968). “A Socioloxía, aventura dialéctica” (1971). “A Década do Cambio” (1987). “O Poder e a Palabra” (1995), Premio Nacional de Ensaio en 1996 e “O labirinto da Fortuna” (1998).
Na foto Luís González Seara en febrero de 1979.