Homenaxe a Rosalía de Castro do Concello de Ponteareas


NDEA_ Ponteareas- Actos Rosalia 2016Ponteareas |
Onte sábado, ás 18:00 h o Concello de Ponteareas rendeu homenaxe a Rosalía de Castro a través de varios actos cos que se quere conmemorar o Día de Rosalía de Castro.

Por unha banda, o Salón de Sesións da Casa do Concello acolleu a lectura da declaración institucional do Día de Rosalía na voz da concelleira de Cultura e Normalización Lingüística, Hortensia Bautista, tras a cal a poetisa Isabel Blanco recitou varios poemas de Rosalía de Castro e outro dedicado por ela mesma a poetisa galega máis universal.

Como colofón ao acto, o Grupo Folclórico Pedra da Garza de Fozara interpretou o Himno do Antigo Reino de Galicia.

Tras este acto institucional, ás 19:00 horas, o Auditorio Reveriano Soutullo acollía o Festival Rosalía; poesía e música a cargo de Percusión Infanftil do Centro Cultural de Chaín, Wiki Rosalías, LeCras de Dodro, as Pandereteiras Pedra da Garza e Mínima Son.

DECLARACIÓN INSTITUCIONAL DO CONCELLO DE PONTEAREAS NO ANIVERSARIO DO NACEMENTO DE ROSALÍA DE CASTRO
O 24 de febreiro de 2016 cumpríronse 179 anos do nacemento de Rosalía de Castro. A obra e o pensamento de Rosalía teñen unha forte vixencia na actualidade e poden axudar a recuperar o orgullo de quen somos e o recoñecemento da nosa lingua como expresión xenuína do pobo galego. Lembremos que estamos a falar dunha escritora radical, culta, feminista e comprometida co noso país, coas súas clases populares e cos sinais de identidade da Galiza, entre os que se conta o galego, hoxe especialmente ameazado.

Rosalía de Castro é non só a escritora máis representativa da lingua e da literatura galegas senón a que marcou o camiño a seguir ao iniciar o proceso de recuperación de usos do galego co obxectivo de lle devolver a dignidade de que fora desposuído. A publicación do seu libro Cantares Gallegos, o primeiro escrito integramente no noso idioma, sinala o inicio da restauración do uso escrito do noso idioma e o final de séculos de silencio e esquecemento.

A recuperación literaria e lingüística da Galiza ten unha enorme débeda coa súa obra, que marca a ruptura da marxinalidade do galego e desafía a sociedade do seu tempo a través dun discurso de defensa da terra, da súa xente e dunha lingua que merece continuar a ser transmitida de xeración en xeración e ser utilizada en todos os ámbitos para contribuír, desde a súa especificidade, ao saber universal que tamén posúe a obra rosaliana.
Nuns tempos en que os datos obxectivos indican un alarmante descenso no uso do galego, a difusión do coñecemento da súa obra é necesaria para as galegas e os galegos, en especial para as xeracións máis novas, pois nos seus textos achamos procedementos e argumentos para fomentar a utilización da nosa lingua, achegarse á nosa idiosincrasia e comprender a nosa identidade cultural. É tempo de sumar as iniciativas e esforzos de todos para continuar o camiño iniciado por Rosalía para que o galego sexa a lingua na que realicemos a nosa actividade profesional, social, comercial, empresarial, na que expresemos os nosos sentimentos e emocións, a lingua na que achegamos a nosa contribución á cultura universal.