Manuel Herminio e Xosé Carballido , xunto con outros amigos de Amoeiro, son os encargados de organizaren a homenaxe ao doutor Carlos Guitián Rodríguez o próximo sábado en Ourense. Xusto o día que cumpre noventa anos. Unha boa data para louvarmos a biografía dun médico que é un referente na medicina galega. Pero tamén porque par desta entrega ao servizo dos demais no seu exercicio profesional, tamén simboliza unha actitude ética de compromiso coa causa galeguista. O doutor Guitián é o precursor da utilización da lingua galega nas receitas médicas, por exemplo. Feito histórico este que non debe pasar desapercibido porque facelo nos tempos que el o fixo constituíu unha decisión transcendental para a dignificación e normalización do noso idioma.
A primeira vez que tiven novas do doutor Guitián foi hai ben anos, un vintecinco de xullo en Santiago, posiblemente en 1969. Despois do acto litúrxico e cunha presenza desmesurada de policías, todos os asistentes fixemos a foto de rigor nas escalinatas de acceso ao mosteiro. Alguén, despois do canto do Himno Galego, deu o berro de Viva Galicia Ceibe!, secundado por moitos, que foi aproveitado polos “grises” para disolver aquel cento de persoas. Nin Otero Pedrayo se librou dun empurrón policía lao tempo que erguía o seu caxato pedíndo respecto para un vello. Ao meu carón estaba o escultor Camilo Nogueira, que caeu a rebolos polas esqueiras. Membros da brigada político-social dirixidos polo inefable Benito Nieto, alias “o chepas” ou “o cornudo” que así era coñecido en Vigo, deu a orde de detención de Xaime Illa Couto e Carlos Guitián, que foron mallados coas porras e introducidos no “jeep” policial. Foron procesados polo Tribunal de Orde Pública, que os absolveu segundo a sentenza “porque se desconoce del procesado –referíndose a Xaime Illa- su ideología y tendencia” y “por la misma ausencia de un cierto clima separatista en la región en que se produjo”.
Carlos Baliñas no libro “Rosalia de Castro.Entre a poesía e a política” recorda os feitos así: “Aquel serán mentres se procedían estas detencions e no medio do balbordo producido pasou cabo de min correndo Méndez Ferrín, dicíndome: hoxe córrese por todas as bandas, pola Dereita e pola Esquerda”. A partir dese ano a Misa de Rosalía deixou de ser a data de reivindicación galeguista para trasladarse ás rúas composteláns.
Anos despois souben que o doutor Guitián fora directivo da Asociación Cultural Auriense, que participaba das mesmas arelas da Asociación Cultural de Vigo, do Facho da Coruña, O Galo de Santiago, ou da Asociación de Amigos da Cultura de Pontevedra. Tempos de ilusión na defensa dos valores patrimoniais e fermento de militancias políticas na clandestinidade contra un réxime político represor.
Tiven información tamén da súa participación nos actos programados en cidades e vilas galegas para presentar a alternativa das “Bases Constitucionais” que defendía o Consello das Forzas Políticas Galegas formado pola UPG, PSG, PGSD, Partido Carlista e Movemento Comunista, no que eu tivera unha intervención destacada na súa constitución e coordinación, e que outros disolveron ao pouco baixo o pretexto de que nel había partidos españolistas, para daren paso á errática, e dogmática proposta que defendía un único partido para unha nación, que pasados os anos rebentou por mor das contradicións que levaba implícita.
A Irmandade da Sanidade Galega, representada polo seu coordinador xeral o doutor Pablo Vaamonde e outros sobranceiros irmandiños, participará no acto de homenaxe ao doutor Guitián dunha maneira singular: impoñéndolle a beca da Irmandade e outorgándolle o diploma que o acreditan como “Irmandiño de Honra”, simbolizando e recoñecendo unha traxectoria de valores persoais e profesionais que deberían adornar a actividade de cantos prestan un servizo público na sanidade galega, que ten que estar inculturizada e humanizada. Filosofía que ten sobranceiros exemplos en Galicia, e nomeadamente en Ourense nas figuras do doutor Peña Rey e moitos outros que David Simón Lorda compendia na súa obra “Médicos ourensanos represaliados en la guerra civil y en la posguerra”.