Cando o correlixionario e amigo Luís Soto Fernández, fundador da UPG, puido volver do exilio mexicano, facíao todos os anos pola primavera. Acudía sempre a recollelo ao aeroporto. Camiño da súa natal Vilanova dos Infantes, faciamos unha parada na igrexa conventual de Celanova. Alí, escenificaba un coidadoso ritual que consistía en recitar uns versos que Curros Enríquez lle escribira ao demo. Alzaba o brazo, e a viva voz dicía: !Salve, meu vello amigo/rival d´o Eterno, loitador antigo,/ protesta viva contra a forza bruta!/. Eu téñoche cariño/ Non te topei xamais n-o meu camiño/sin quitarche ó chapeu para darch´os días/mentres outros católicos ben fartos/de toparte como eu,quítanche os cartos/para con eles mercar capellanía”.
“O doutor Sixto Seco e un servidor sabíamonos complementarios á hora de empurrar pola galeguización do país”
O doutor Agustín Sixto Seco tamén escenificaba o seu propio ritual. Cando tiña que facer unha longa viaxe, acudía á catedral compostelá para despedirse do Santiago “mata mouros” que así o alcumara Castelao “porque é un vello e familiar amigo que me garda sempre. Estou certo de que se non volvo, el acollerame e termará dos meus”, dicía, confiado nos prodixios atribuídos ao santo.
Dúas visións contrapostas na maneira de afrontar a realidade galega, e un denominador común: Galicia. Malia estas visións ideolóxicas desemellantes, Luís Soto, o doutor Sixto Seco e un servidor sabíamonos complementarios á hora de empurrar pola galeguización do país. Sendo todos os tres de xeracións distintas, compartiamos a mesma preocupación de querermos unha Galicia máis de noso.
O colectivo Galeguizar Galicia (www.galeguizargalicia.gal), empeñado en trenzar a tradición co presente, erixíulle a Luís Soto, como recoñecemento polos seus moitos méritos un monumento en Vilanova dos Infantes; agora, o próximo día 17 do mes que andamos, ao pé do que foi o seu domicilio (na confluencia das rúas Ourense e Antonio Casares), en Santiago de Compostela, colocará unha placa coa efixie en relevo do doutor Sixto. O seu curriculo está máis que acreditado, manifestado no exercicio continuado dun galeguismo xeneroso: conselleiro da Editorial Galaxia, director xerente da Editorial SEPT, presidente do Padroado Rosalía de Castro, patrón fundador do Museo do Pobo Galego, presidente da Fundación Otero Pedrayo, secretario do Consello da Cultura Galega, patrón da Fundación Penzol, amais de ser ter sido, extramuros da cultura, secretario xeral-fundador da SD Compostela. Coñécenselle actividades filantrópicas que el sempre soubo desimular. Servíu a Galicia desde a súa óptica ideolóxica sen recibir nada a cambio.
A Irmandade da Sanidade Galega vén recuperando a personalidades da tradición médica humanística e galeguista, como os doutores López Nogueira, García Sabell, Antón Beiras e, recentemente ao urólogo ourensán Carlos Guitián, deixcando constancia en rúas e prazos do seu bo facer. Agora incorpora a esta nómina ao doutor Sixto Seco, un dos derradeiros integrantes da chamada Escola Médica Compostelá, iniciada por Varela de Montes no século XIX. O seu exemplo de compromiso vital cunha Galicia galeguizada ten que servir de exemplo para que as novas xornadas de persoal médico e sanitario continúe ese apego pola defensa do patrimonio cultural da identidade galega.
A sanidade galega, ese servizo público imprescindible para manter en boas condicións a saúde dos galegos e galegas, ten un déficit de galeguidade preocupante. A nai do año, segundo o aforismo xurídico, é moi complexa, si. Pero a causa causante do mal causado, seguindo o aforismo xurídico, radica na desgaleguización da Facultade de Medicina e demais centros académicos universitarios da saúde e centros hospitalarios.
O doutor Sixto Seco, ao igual que os seus colegas, García Sabell e Rof Carballo afirmaban que as enfermidades son iguais en todos os recunchos do mundo; os que son distintos son os enfermos, por que teñen cadansúa idiosincrasia e lingua de seu, na que deben ser atendidos para atinar nun mellor diagnóstico da súa patoloxía.
No acto previsto para o día 17 de xullo, ás 19:30 horas, participarán a Alcaldesa de Santiago, o Presidente do Parlamento de Galicia, o Reitor da USC, o Secretario Xeral de Política Lingüística, a coordinadora da Irmandade da Sanidade Galega, a doutora Flora Miranda, e unha das fillas do doutor Sixto, en representación da familia.
Xosé González Martínez. Presidente do Foro E. Peinador.
Foto propiedade de Galicia Única (2011)