A Coruña | Unha comisión conformada por representantes dos sectores da economía, da política, da universidade e da cultura e a sociedade galega en xeral homenaxearon na Coruña este 8 de xullo a Pablo González Mariñas, quen fora Conselleiro da Presidencia da Xunta de Galicia entre 1987 e 1989 durante o goberno tripartito de Fernando González Laxe, polo seu labor como artífice e construtor do goberno autonómico galego.
González Mariñas recibiu unha Homenaxe Nacional “en recoñecemento polo seu legado e contribución ao autogoberno de Galicia”. No acto participaron representantes políticos e da sociedade civil, entre eles o ex vicepresidente da Xunta e líder do BNG, Anxo Quintana, o ex conselleiro do PP Xesús Palmou, a voceira nacional do BNG, Ana Pontón, e o líder do Bloque na Coruña, Francisco Jorquera, entre outros. O acto realizouse tamén en conmemoración do 40º aniversario do Estatuto de Galicia e das primeiras eleccións ao Parlamento galego.
O acto, que tivo lugar no Restaurante Árbore da Veira do Monte de San Pedro, foi presentado por Xanina Fernández Otero. Interviron Antonio Carlos Pereira Menaut, catedrático de Dereito Constitucional as honorem da USC; Marta García Pérez, profesora titular de Dereito Administrativo da UDC e Xulio López Valcárcel, poeta, ensaista e crítico literario, ademais do propio homenaxeado.
Nado na cidade herculina en 1944, González Mariñas foi fundador do Partido Galego Independente, unha formación do nacionalismo centrista que terminou integrado na Unión de Centro Democrático (UCD) e, posteriormente, tamén fundador de Coalición Galega.
Destacou tamén por formar parte da comisión redactora do Estatuto de Galicia en 1982. González Mariñas foi tamén profesor de Dereito Administrativo nas Universidades da Coruña e de Santiago así como deputado autonómico nas listas da UCD.
Na súa ampla e prolífica traxectoria pública, González Mariñas promoveu a Lei de Coordinación das Deputacións, puxo en marcha a Escola Galega da Administracion Pública, contribuíu co deseño normativo da Valedoría do Pobo e do Consello de Contas e promoveu tamén a creación da Policía Autonómica.