Pablo González Mariñas é unha personalidade senlleira na historia política contemporánea de Galicia. Deputado entre 1981 e 1990, voceiro parlamentario de Coalición Galega (1983-1986) e secretario xeral do PNG-PG (1987-1990), foi actor moi relevante da moción de censura de setembro de 1987 e no Goberno tripartito (PSdeG-CG-PNG) que se constituiu de seguido foi conselleiro da Presidencia e voceiro do Goberno.
“Na súa gobernanza priorizou a construción nacional e institucional deste país”
Na súa gobernanza priorizou a construción nacional e institucional deste país, promovendo a lei de coordinación das deputacións (co seu horizonte posto na provincia única para Galicia) que logo conxelou Fraga Iribarne no 1990.
Creou tamén a Escola Galega da Administracion Pública para garantir un emprego público eficaz, moderno e formado dende criterios de país e autogoberno e foi o autor da lei da función pública de 1988, que estableceu regras claras para a construción da Administración Pública galega, rachando coa improvisación e parcialidade dos gobernos de Fernández Albor. Deulle un pulo fulcral ao deseño normativo da Valedoría do Pobo e do Consello de Contas.
Promoveu tamén a creación da Policía Autonómica, mais o ferreño neocentralismo do PSOE e PP estatais e a frialdade dos socialistas galegos freou esta iniciativa. As mesmas forzas que conxelaron a Policía de Galicia e frearon a iniciativa da trasferencia de tráfico do vicepresidente Anxo Quintana no 2009-2010.
González Mariñas combinou o nacionalismo político do PG republicano, no que militara o seu tío Jenaro Marinhas del Valle, cunha modernidade de estilo e mensaxe e unha grande capacidade de empatía negociadora e se decatou axiña de que o galeguismo non podía ficar ausente da tarefa de encher de contido o autogoberno e as institucións autonómicas a medio do desenvolvemento do Estatuto. Un desenvolvemento estatutario ao que lle dedicou moitos esforzos entre 2005 e 2009, cando volveu ser deputado (esta vez polo BNG atendendo o convite que lle fixo entón Anxo Quintana) e traballou de xeito teimudo por un novo Estatuto de Nación, frustrado pola defección do PP dun Núñez Feijóo que amosaba xa que o seu principal obxectivo non era Galicia senón facer carreira en Madrid.
Para Mariñas Galicia é a medida das cousas e o referente da súa cosmovisión. E, como moitos outros patriotas, sacrificou un despexado fururo político para ficar sempre no ámbito do galeguismo político, refugando os cantos de serea dos partidos estatais á esquerda e á dereita.