Ponteareas | No marco do ciclo de presentacións de libros Abril, mes dos libros, que organiza a Concellaría de Cultura para celebrar o Día Mundial do Libro e o Dereito de Autor, a escritora Hortensia Bautista e a pintora Aurora Quinteiro presentarán en Ponteareas o seu último libro, Bambán de vento. O acto terá lugar este sábado 17 de abril, ás 20 horas, na sala multiúsos do Auditorio Municipal, e contará coa presenza e participación das dúas creadoras ponteareás.
Di a contraportada que “é un convite a viaxar pola contorna desde o apego á paisaxe e a cultura propias. Debullando lembranzas, vivencias e soños, a nena anímanos a partillar tesouros agochados na nube da memoria e liberalos do baúl do esquecemento”. Hortensia e Aurora definen este álbum ilustrado como unha conversa interxeracional para que as nenas e os nenos coñezan o val do Tea, as súas lendas, ditos, refráns, historia…
“Neste mes do libro, queremos amosar o bo momento e a calidade das letras ponteareás. Bambán de vento é o segundo dos cinco volumes que temos intención de presentar. Trátase dunha proposta para un dos públicos máis esixentes, as cativas e cativos, mais que cremos que será unha linda sorpresa para todas aquelas persoas que teñan a oportunidade e curiosidade de o ler” comenta o concelleiro da Área de Cultura, Fernando Groba.
Para asistir á presentación, as persoas interesadas deberán reservar entrada a través do teléfono 618 705 635 ou escribir un correo electrónico a auditoriomunicipal@ponteareas.gal