O libro “A contradición permanente” é unha longa conversa entre o escritor e xornalista Daniel Salgado e o actual alcalde de Compostela Martiño Noriega. A conversa é unha análise da evolución política dos movementos nacidos logo das mobilizacións a partir do 15-M. Para os dous autores do libro, os movementos que poderían ter desembocado nunha esquerda cohesionada como fronte popular, acabou disolvéndose nunha batalla de egos que finalmente botou por terra moitas das esperanzas en retirar á dereita do goberno, tanto autonómico como central. Aínda así, hai unha fiestra aberta á posibilidade de retomar a materialización dunha fronte popular ampla que permita contestar á dereita política.
Moi grande era a confianza que depoisitou Daniel Salgado para poder realizardes xuntos A Contradición Permanente e compartir uns pensamentos que outras persoas debullarían pouco a pouco e durante moitos anos.
É unha confianza que se asenta desde hai moitos anos, dunha amizade pero tamén dun grande respecto intelectual. Pero o do libro coincidiu nun tempo no que os dous tiñamos esa dispoñibilidade, el temporal e eu de sacar tempo de onde non o tiña. Gravamos as conversas desde finais do 2016 ata o 3 de outubro de 2017 en sensións periódicas. Ademais cunha implicación por parte dos dous, non só nas conversas senón co que tivo a ver coa revisión do texto.
O título fai referencia a un estado das cousas dentro da esquerda en Galiza, nacionalista ou non. Cando se cae na conta desa contradición?
Daniel detectou que esa frase era algo recorrente en min cando falaba do que seguen sendo os obxectivos da unidade popular e a conciliación destes coa realidade. É un libro melancólico porque o motor para gravalo nace cando sentimos unha regresión nos dereitos fundamentais e nas liberdades. A partir da impugnación pola vía institucional queda limitada coa reedición do governo de Rajoy, coa abstención do PSOE e coa nova maioría absoluta do PP en Galiza. Nese sentido é un libro melancólico e pesimista pero que non quere renunciar a nada. Por tanto fala das expectativas que se encheron no espazo da unidade popular, obxectivos de máximos e a realidade na vida institucional e na necesidade de elixir batalla e conciliar os obxectivos co día a día. Todo iso é a orixe da contradición permanente que non deixa de ser unha confrontación dialéctica desde o punto de vista do marxismo.
Pero a pesar da continuidade Rajoy-Feijoo, o espazo segue aberto.
As condicións obxectivas seguen abertas e o espazo de unidade popular tamén. Aí tamén hai un esgotamento do motor da construción dese espazo que foi a xente agredidal, que segue agredida. Todos temos casos na nosa contorna. Pero ese motor dos primeiros anos da crise, unha parte está instalada intentando sobrevivir, que non é menor a batalla, outra parte está exiliada por razóns económicas, a emigración. Ese foi o continxente que puxo en marcha o espazo de unidade popular. Eran quen lles dicían aos partidos e palataformas “entendédevos, facede polo menos un programa de mínimos con homes e mulleres que non nos agredan”. Pero é certo que ese común denominador está tentando sobrevivir e queda por ver se as cousas van acompañando, porque nada se constrúe desde o artificial.
Pero por que a xente cansa tan rápido?
En todo movemento de protesta social quedou o que era traducir. As grandes protestas, preferentes, desafiuzamentos, deterioro dos servizos públicos e a precarización laboral, todas esas grandes batallas non se chegaron a traducir nunha batalla definitiva. Aí temos unha aposta por chegar ás institucións e ocupalas, polo menos para non agredir. Conseguíronse moitas cousas, governos en grandes cidades do estado, aquí no noso país govérnase en tres grandes cidades e en moitas vilas tamén. Pero todo isto era unha enmenda á totalidade, pero sobrevivir é complicado. Tamén se a xente non ve un cambio nas condicións materias, tamén tende a iso, á sobrevivencia ou marchar. Ás veces penso na cantidade de xente nova que necesitamos, xa que estamos co debate demográfico e téñenme gracia todos estes titulares de “necesitamos tantos miles de mozos e mozas”, pero se os botastes vós. A maioría tiveron que emigrar nunha emigración sen retorno e cunhas condicións no estranxeiro que non llas poden garantir aquí.
Hai dous termos no libro que mencionas varias veces, “espazo mestizo” e “partido líquido”. Non é algo parecido a aquilo de “cacht all party”?
Por unha banda, o espazo popular vén dun espazo clásico, o da esquerda alternativa e rupturista. Tamén coa chegada dun amplo continxente sen adscrición partidaria que se organiza en plataformas e colectivos. Aí é onde se define no formal dunha maneira un espazo participativo e alonxado dos partidos tradicionais. Isto explica tamén as súas forzas e debilidades. Non obstante, nunca tivo unha analoxía cun “cacht all party”, porque dalgunha maneira, pois dalgunha maneira, a impugnación sempre foi contundente no social ou na reivindicación nacional. Tiña tamén debilidades como pouca mobilidade cun espazo tan cambiante co que estaba acontecento e que explica a pouca cintura que se tivo diante do rexime, que reaccionou, porque era moito máis potente do que se pensaba.
No libro cando falades de En Marea, nótase un pesimismo case palpable. Non hai maneira de recuperala?
Hai a obriga de facelo e de non afuciñar. No fondo o libro quere deixar claro que o único que lle pode disputar a hexemonía á dereita, ou unha futura competición PP – C´s, é a unidade popular. En todo o libro hai unha reivindicación intelectual desa unidade. Tamén hai unha constatación de que ao mellor o espazo non está á altura da demanda social. Porque veñen cometéndose os mesmos erros desde o comezo de AGE, logo nos espazos das Mareas e logo no espazo da Marea. Logo vese como persoas que non acreditaban neses espazos acaban como dirixentes del, porque os que si acreditan non ocupan a súa dirección. Temos a obriga de seguir reivindicando, pero non faríamos nada negando que hai unha certa melancolía, como se fose o tema do eterno retorno.
Esas persoas que aproveitaron o momento para chegar á dirección deses espazos, están reproducindo a mesma historia.
Si, pero non culpabilizo tanto a esas persoas, senón as propias partes da unidade popular de non teren exercido a súa representatividade. Iso non aconteceu porque a unidade popular nos momentos que hai que acumular forzas e logo electoralmente, pero logo no día a día, cada quen exerce o patriotismo partidario desde cada unha das partes. E cada unha das partes intenta ao mesmo tempo hexemonizar a súa presenza no resto do espazo. Iso crea baleiros, porque aínda con bos resultados electorais, logo rearmas a túa posición de parte e non participas na construcción real do espazo. Iso provoca que quen apenas ten representación volva a posicións representativas porque as partes non son quen de xercer. Se algunhas forzas non queren participar no plenario, pois acaba habendo unha crise de representación deses espazos. Iso aconteceu cando para ser de AGE tiñas que ser dun dos partidos, pero a xente quería ser de AGE. Tamén para compensar a balanza, direi que isto aconteceu en cinco anos e é moi pouco tempo, pero para madurar eses espazos precisas dun período máis longo que a crise non permitía.
Pero estamos a falar dunha batalla de egos.
No libro recoñécese un pouco que impugnamos un sistema e un rexime do que somos fillos. Pero tamén dicimos que no espazo que queríamos abrir tamén se reproduciron actitudes vidas dese rexime que queriamos mudar. Queriamos que se instalase a cooperación pero fíxoo a competición. En vez da fraternidade todo acaba en patriotismo partidarios. Queremos mudar uns comportamento pero ao final volven reproducirse. Pasa no espazo popular e nunha comunidade de veciños. Cada vez é máis difícil facer un traballo cooperativo e colectivo. Está moi atomizada a participación e construción, os egos pesan. Iso é un pouco a explicación que lle buscas ao estado das cousas e ves que se acaban reproducindo certas eivas no que fora no seu momento a esquerda e aparecen nos momentos máis importantes.
Cando chegan as candidaturas cidadás ao governo de diferentes cidades, a dereita saca uns coitelos e uns dentes que ata daquela non ensinara. Houbo medo?
Houbo a constatación que o rexime do 78 que en teoría entrara en crise e que o obrigaba a abrir procesos constituíntes, non ía renderse de maneira fácil, ao revés. Pechou unha reforma en falso cambiando de rei pero non de coroa e de caras pero non de políticas. Fíxose de maneira agresiva, con toda a munición mediática derivada dos intereses en crear un clima de animadversión á posibilidade de cambio. No meu caso hai uns anos que me marcarán, pero non falo de medo, senón de que o inimigo era moito máis complexo e contundente. Tamén a constatación dos que estaban na primeira liña da dureza do vale todo, que os que estabamos nas institucións non sentiamos de primeira man.
Contas cunha futura participación doutras forzas para a participación en espazos alternativos?
No libro hai un recoñecemento ao espazo do BNG, pero tamén hai unha crítica da non participación do Bloque no espazo de unidade popular, ao mellor foi o que freou unha vitoria máis contundente deste espazo. Se entenderan o momento histórico, tería sido outra cousa. Do PSOE base podemos esperar algo pero non da cúpula do partido, porque as evidencias mostran que actúa na defensa do que pretendemos cambiar. Que acontecerá? Non son optimista con que se acumulen máis forzas no espazo, máis base social sería o ideal.