-Parece que buscades romper ese “mito”.
Efectivamente, é unha parte importante do traballo que queremos facer a través da antropoloxía audiovisual e do cinema etnográfico. Por unha parte, o rural está mitificado e deturpado, sobre todo a imaxe que temos del. Considero que á etnografía aínda lle queda moito por achegar.
-Cales serían os puntos que axudarían a exhibir unha peza dentro da MICE?
Iso sería decisión final do xurado de preselección. É un grupo de persoas de diferentes disciplinas, todos con certa relación coa antropoloxía, historia ou cinema. Non obstante, hai dúas cousas fundamentais. A primeira que se poda considerar quer pola metodoloxía quer polo contido que é cinema etnográfico, é dicir, que ese cinema axuda a estudar sociedades humanas. A segunda, que coide o aspecto cinematográfico.
-Cando dis cinema desbotades a idea de documentario?
Non, cando dicimos cinema queremos dicir que non só é documentario. Existe unha grande relación entre a ficción e a etnografía, como Jean Rouche e O que arde.
-Pensades en formar un arquivo de cinema etnográfico en Galicia?
Temos un fondo moi importante e considerable. Non pretedemos ser unha filmoteca. Hai outras entidades no país que cumpren esa función. Certo que como museo temos un arquivo e desde que formamos o Festival si temos unha acumulación de material. Todo iso ao mellor o día de mañá pode pasar a ser un Fondo MICE do Museo do Pobo Galego a unha filmoteca. Este tipo de materiais precisan dunhas condicións de tratamento e coidados que só as filmotecas poden dar. O que si nos gustaría é ser un festival de referencia internacional ao mesmo tempo que un museo de referencia internacional de referencia.
-Algo diso estades conseguindo, porque vexo participantes de diversos lugares.
Si, é certo. Esta edición tivo o peso das restriccións por culpa da pandemia. Por exemplo, tiñamos pensado para marzo, ter como presidente do xurado a Paul Henley, que era a persoa que formou, creou e montou o centro máis grande en antropoloxía visual en Europa, na cidade de Manchester, no Reino Unido. O caso é que as condicións non eran as idóneas.