Moncho Mariño | Víctor F. Freixanes di estar aterrando aínda no seu posto recén estreado como presidente da Real Academia Galega (RAG). Freixanes chega logo da presidencia de Alonso Montero e durante unha campaña á presidencia na que outras candidaturas mostraron a súa non conformidade co actual stato quo da Academia. Non obstante, o novo presidente mostra a súa ilusión diante desta nova tarefa na que di, é necesario abrir a RAG ás xentes do país.
-Como leva estas primeiras semanas como presidente da RAG?
Pois aterrando no medio de tantos papeis. Non é que estean revoltos pero para min ten moitos aspectos novos, cuestións administrativas, coñecer o persoal e un pouco intentando ver un pouco o conxunto do estado do labor da Academia, que é moi variado. Unha vez visto todo, entrar en comunicación cos distintos responsables das áreas para axudarlles a poder seguir avanzando e en todo o que poida.
-Como se compartimenta ese labor variado da Academia?
Existen tres grandes seccións, a de lingua, a de literatura e a de historia. Cada unha desas seccións divídese en seminarios e grupos de traballo, o de sociolingüística, lexicografía, que son os que alimentan o diccionario, o seminario de aportación científica e técnica, que tamén é un traballo importante e moi sistemático. Nestas áreas traballan académicos, académicos correspondentes e colaboradores externos que forman o equipo para o desenvolvemento do traballo diario. Se a isto sumamos o labor de acción social, como é o Día das Letras Galegas e as actividades da Academia de cara ao exterior, e os fondos e museo da Emilia Pardo Bazán, non é pouco traballo. Logo está que os académicos non cobramos, pero hai vinte e cinco profesionais, que é unha nómina da Academia e logo están os colaboradores e proxectos externos como o Portal das Plabras, a Primavera das Letras dirixidos a fornecer de material didáctico moitas veces á sociedade.
-Con todo ese valor engadido da Academia, hai unha parte moi importante da sociedade en Galicia que non coñece toda esa activida. Durante a súa presidencia realizarán algunha campaña que dea a coñecer todo ese lado?
Esa é unha das claves na que tamén podo achegar a miña experiencia profesional. Son doutor en filoloxía, pero ademais da docencia, a miña actividade profesional estivo centrada desde os vinte anos no xornalismo ou na dirección de proxectos de industrias culturais. Para min a comunicación, tal como dixen no meu discurso de candidatura, é un factor fundamental na sociedade contemporánea. As cousas ou se comunican ou non serven, ou somos capaces de transmitirlle á sociedade galega que é a Academia e as súas funcións e a utilidade da academia, ou a sociedade considerará que é unha especie de mausoleo ou museo onde se reúnen uns señores.
A academia fai un labor, ademais do da norma que se lle outorga por lei, de limpeza, estudo, modernización e pulcritude do idioma permanente resultado de moitas horas de traballo sistemático. Ten a responsabilidade de velar polo estado e saúde do idioma. Ás veces criticando ou entrando en discusión con sectores sociais, mesmo cos responsables políticos, cos que non sempre estamos de acordo e iso é algo inevitable desde a independencia dunha institución como a RAG.
Pero, cando eu dixen que había que achegar a Academia á sociedade, non quixen dicir que estivese afastada da sociedade. Os académicos e académicas vivimos nesa sociedade. Se tivese a relación de todo tipo de traballos que realiza a RAG nun ano, a presenza social da Academia é enorme. Non obstante, si é certo, e isto é unha autocrítica que nos debemos facer, que temos que saber comunicar iso, que a sociedade ten que enteirarse de maneira sistemática e con conciencia dese servizo e utilidade. En todos os seus ámbitos.
Nestes momentos, na Academia hai corenta mil entradas diarias no dicionario online. Iso fai que sexa un dicionario revisado e vivo. É unha proba de que hai un sector da sociedade permanentemente activo nesa cuestión.
Contamos cunha web que está enviando noticias relacionadas coas tarefas da Academia, tendo en conta que esa web non é un periódico, nin a Academia é unha asociación cultural, nin a Academia é o brazo executivo do goberno, non planificamos a política lingüística. Somos unha institución científica, mais iso non significa que non teñamos que usar as teconoloxías da comunicación para proxectarnos cara a sociedade, cousa que nos fará máis útiles á sociedade que é o que se pretende.
-Hai algunha figura ou xénero que non estea aínda representada no Día das Letras Galegas?
Esa é unha decisión que os académicos deben tomar en cada caso e en cada momento. Nos últimos tempos fortaleceuse a entrada das mulleres, creo que hai que profundizar aí. Temos profundizado na literatura infantil e xuvenil con Fina Casalderrei, que é un ámbito moi rico na lingua galega. Tamén me acompaña na executiva Marilar Alexandre, que é unha muller do mundo da ciencia e da tecnoloxía. O mundo da comunicación está representado por Manuel Rivas, Margarita Ledo e máis eu.
Sobre o concepto de letras galegas, e isto é unha opinión moi persoal, podémolo interpretar desde unha dimensión cada vez máis ampla. O mundo do audiovisual, o do cinema, mesmo o mundo da música e do teatro. Creo que temos que ser capaces de entender a lingua e as letras na súa visión máis pluridisciplinar, aberta e moderna. Ata hai ben pouco, pois era case previsible quen sería a persoa homenaxeada. Agora hai máis candidaturas, máis autores e autoras, máis variedade e máis discusión.
-Hai pouco coñecíase un estudo coa conclusión de que os mozos e mozas galegofalantes, deixaban o galego cando entraban en áreas sociais como o lecer e o traballo. Non é paradoxal esta situación dada a presenza máis ampla do galego en medios ou na escola?
Seguramente ese é o grande desafío da lingua galega. Que é a renovación e continuidade xeracional. Hai un proceso que non se oculta nin á sociedade nin aos sociolingüistas, que é unha certa ruptura na transmisión da lingua de pais a fillos. Cousa que viña dada polos prexuizos lingüísticos, pois mesmo nas aldeas os pais falaban en castelán aos fillos porque querían que saísen dese atraso e pobreza co que tamén identificaban o galego. Afortunadamente iso, na medida na que a lingua gañou prestixio, estatus e consideración social, e tamén en valor económico, iso deberíamolo ir superando. Non obstante, vai lentamente porque as mentalidades son moi difíciles de cambiar. Unha vez que penetra unha idea no ADN é moi difícil cambiala, por tanto aí é onde temos que traballar e non só a RAG, senón todas as institucións e individualidades preocupadas e comprometidas co idioma nas novas xeracións. Temos que darlles recursos, un entorno, potenciar a produción cultural, os espazos de consumo, de lecer e de socialización.
A Academia avisa da situación do galego na mocidade, pero as medidas téñenas que tomar os poderes ou responsables políticos e por outra banda, temos que crear o estado de conciencia civil para que o conxunto da sociedade se implique. Porque tampouco isto se resolve mediante real decreto. Resólvese motivando e concienciando aqueles sectores sociais digamos dirixentes, que non son só os políticos, senón sectores económicos, sociais ou financeiros. A lingua é de todos e a responsabilidade da lingua é de todos e todos teñen que implicarse nesa épica. Para iso hai que valorar o patrimonio que é a lingua e aí a Academia ten que ser un elemento fundamental nese proceso.
-Existen modelos de inmersión, como o Modelo Burela. Cal é a súa opinión sobre modelos como este?
Todo depende, e isto é unha opinión persoal, do contexto no que se desenvolva o modelo. Si que creo que a lingua galega ten que ter unha presenza activa nos ámbitos urbanos, que é onde se producen os procesos máis desgaleguizadores. Entón ten que ver cunha política, non sei de inmersión total, pero si de presenza activa do idioma desde a escola infantil. Tamén hai que traballar os pais para que entendan que non é unha imposición, é valorar unha riqueza que temos. Iso significa unha lei de normalización que desgrazadamente está atrancada. Creouse outra pero, iso debera levar a un grande debate a todos. Para un número importante de persoas, a palabra “pacto”, pois é unha palabra morna e para algúns case que é unha claudicación. Ben, todos temos que ceder algo para avanzar, pero non podemos renunciar os principios. A lingua galega necesita de acordos entre todos os sectores da sociedade.
-Mesmo os que manifestaron a súa oposición a ese tipo de acordos?
Mesmo con quen non a fala. A unanimidade non se vai conseguir nunca. O propio é buscar unha maioría xenerosa a prol do idioma. Todos temos que ceder algo.
-Vostede tamén é autor, a última novela súa foi “Cabalo de Ouros” do 2011. No momento de afrontar a escritura e corrección da novela, que diferenzas veu se compara esa novela con, por exemplo, “O triángulo inscrito na circunferencia”?
Un vaise facendo maior e gaña nalgúns aspectos e noutros pois pode perder frescura, non o sei. Téñeno que decidir os lectores ou os críticos. “Cabalo de Ouros” pretende pechar un círculo que comeza con “O triángulo inscrito na circunferencia” e no que se pode incluir “A cidade dos césares”. Por onde vou seguir agora? Non che sei. Digo sempre en broma “de maior quero ser escritor”, pero realmente a vida levoume por camiños diversos. Caín na conta que aquí había que construir unha infraestrutura cultural,industrial para a cultura e unha infraestrutura para a literatura. Porque se ti fas cinema, música pero non hai produtoras ou editoras ou distribuidoras, pois mira, iso é como estar morto. Por iso unha parte da miña actividade estivo centrada no mundo da xestión da empresa. Quería participar na construción do que eu chamo “o galeguismo civil”, por en valor a súa cultura. Iso ocupoume tempo, houbo un tempo que fun xornalista e escritor, logo profesor e outras persoas identificaranme como empresario. Pois non renuncio a iso, forma parte da miña biografía.
-Desde a súa perspectiva como autor e persoa envolta no mundo da creación literaria, que diferenzas existen entre as temáticas que se tratan hoxe e as dos anos nos que vostede comezou?
Cando comecei a ter conciencia da existencia da literatura galega, había sota, cabalo e rei e se queres, o sete de copas ás veces. Tiñamos Castelao e Otero Pedrayo, logo viñeron Cunqueiro, Blanco Amor, Fole, Neira Vilas e para. Eu comecei coa nova narrativa, con Ferrín, Mourullo e Queizán e para. Hoxe afortunadamente hai unha pluralidade de autores e autoras, unha riqueza de xéneros e unha variedade de estilos que sería impensable hai corenta anos. A riqueza da oferta diaria é enorme, o mesmo coa riqueza de novos autores e autoras. Temos literatura de xénero, xuvenil e novela gráfica, todo relacionado co enriquecimento e a actividade do país, porque digo sempre que podo ser optimista, pero é que hai que ser optimista. Se producimos mesmo viño para os americanos, se somos unha potencia na pesca quere dicir que este país non é pobre nin parvo. Temos que ser capaces de vertebrar iso nun discurso integrador, que é un discurso político en grande medida, que afirme a identidade dunha nación. Niso é onde está a lingua e moitas outras cousas.