I Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia e simposio en Ourense

Será en Expourense o 24 e 25 e doce bares competirán tamén na Categoría de “Tortilla con…”

Ourense | Xantar, Salón Internacional de Turismo Gastronómico, celebra o seu 25º aniversario en Expourense entre o 24 e o 27 de outubro e un dos obxectivos desta edición tan especial será buscar (e atopar) a mellor tortilla de patacas de Galicia. Para iso, Xantar organiza o I Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia que se celebrará os días 24 e o 25 de outubro. O obxectivo desta actividade é promover a cultura da tortilla de patacas gourmet tanto entre o gremio hostaleiro como entre o consumidor final.

Incluirá dúas categorías: a de Tortilla de Patacas “Con…” que se celebrará o venres 25 pola mañá e na que participan 12 hostaleiros e a de Tortilla de Patacas Tradicional que contará con 16 finalistas.

Os participantes foron seleccionados por un xurado de expertos que percorreron boa parte da comunidade galega visitando aqueles bares ou restaurantes nos que a tortilla de patacas destaca como unha das súas especialidades e que son moi populares entre o público.

Simposio
Aínda que a competición concéntrase na xornada do venres, o día anterior celebrarase un Simposio sobre a Tortilla de Patacas que conta cun coidado programa de actividades abertas ao público xeral e pensadas para o público hostaleiro en particular, que complementarán o campionato e incidirán na idea de achegar ao público e á hostalería a figura da tortilla gourmet, a tortilla como prato que pode competir a nivel nacional e internacional coas máis sofisticadas creacións culinarias.

Este Congreso arrinca o xoves 24 ás 16.00 horas coa entrega de entregados tres premios á Traxectoria Histórica cos que a organización do Campionato recoñecerá ao pequena pero moi simbólica localidade de Coirós (A Coruña) e a tres veciños desta vila que xogaron un papel determinante na relevancia da Tortilla de Patacas. Os tres profesionais recoñecidos son: Carmen Tomé do restaurante Casa Tomei de Coirós. José Manuel Crespo “Crispi” do O Manxar da Coruña, figura clave na modernización e posta ao día da tortilla de Betanzos. Pablo Tomé, impulsor do Concurso e a Semana da Tortilla de Betanzos.

Tras estas homenaxes, ás 17:15 terá lugar un debate sobre a tortilla de Betanzos no que se abordará a historia, actualidade e futuro da mesma. Nesta mesa redonda que se prevé acesa e moi clarificadora intervirán os cociñeiros Alberto García Ponche (Mesón O Pote, Betanzos), José Manuel Crespo “Crispi” (O Manxar, A Coruña), Carlos Olabuenaga (Café Tizona, Logroño) e Celia Clara Correia (A Teulada, Elxe), todos eles gañadores nalgunha ocasión do Campionato de Tortilla de España nas súas diferentes modalidades.

A eles sumaranse Pablo Tomé (Impulsor do Campionato de Tortilla de Betanzos), o crítico gastronómico Rafael García Santos, membro da organización do campionato e Miguel Gayoso, historiador da tortilla en Coirós.

Relatorios
Paralelamente a esta mesa redonda, terán lugar, entre as 17:15 e as 19:30, catro relatorios-demostración de elaboración de tortillas de patacas da man de Carlos Boado (O Caserío de Tión, Coirós), Javier Izquierdo (Mesón El Viso, Gumiel de Mercado, Burgos), Samuel Curbeira (Cafetería Ankha, Ferrol) e Ramón Rodríguez (O Cabo, A Coruña, actual campión de España). O público asistente aos relatorios, que serán áxiles, prácticas e dinámicas, poderá probar as tortillas realizadas nas mesmas. Así mesmo, os asistentes poderán realizar cantas consultas e preguntas crean necesarias aos oficiantes.

Finalmente, tras as demostracións, ás 19:30, terá lugar unha cata de diferentes patacas da IXP Pataca de Galicia dirixida por José Antonio Chao. As patacas serán cociñadas polos responsables de Mesón O Pote, Tizona, A Teulada e O Cabo.

Con estas actividades, a organización do Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia pretende que o gremio hostaleiro conte con información e exemplos prácticos que sirvan para cuestionarse e mellorar a súa forma de elaborar as súas tortillas e fai un chamamento a todos os hostaleiros de Ourense e arredores para que acudan a estas actividades que lles resultarán altamente proveitosas. Na foto Ramón Rodríguez e Isabel Xesto, do Bar O Cabo de Coruña, actuais campións de España, que tamén participarán no Campionato de Galicia e nas actividades previas.