Santiago de Compostela | A Asociación Internacional para a Cooperación Turística (Asicotur), presidida polo ourensán Alejandro Rubín Carballo, conta con representación en todos os países de lingua española e portuguesa do mundo.
Ademais, ingresou no segundo semestre de 2021 no selecto grupo de Membros Afiliados da OMT e está a desenvolver a súa actividade no 2022 coa implementación de diversos proxectos de cooperación turística internacional.
Dentro desta área de actuación, Asicotur celebrará a finais do mes de maio de 2022 o I Congreso Internacional de Cooperación Turística, que terá lugar de forma presencial en Santiago de Compostela, podéndose participar así mesmo de forma virtual. Preside o Comité Organizador Mª Carmen Pardo, secretaria xeral.
Este foro, o primeiro da súa clase, busca estudar casos comúns e cruzar boas prácticas e proxectos para facer do turismo en África, América, Asia e Europa unha ferramenta de cooperación.
Contará con relatores das principais entidades de cooperación e turismo do mundo, así como de diversos países dos catro continentes, para falar da súa experiencia no turismo e buscar como a cooperación pode potencialo.
Ademais das conferencias e mesas de debate, o Congreso de Asicotur contará cun concurso científico sobre cooperación turística; consolidando a aposta da Asociación polo desenvolvemento da investigación académica en turismo.